Estevo/Estevaíña
Antropónimo derivado do latín Stephanus, nome testemuñado esporadicamente en Roma en era precristiá, pero usado só por gregos ou orientais, que reproduce, á súa vez, o grego Stéphanos, nome persoal moi antigo e tamén voz común stéphanos (στέ ϕ ανος) ‘coroa, gloria’. Presenta as variantes Esteve e Esteveíña. Deste nome deriva Estévez, un dos apelidos patronímicos galegos máis frecuentes. Co cristianismo espallouse, especialmente, este nome debido ao culto a santo Estevo, diácono e primeiro protomártir cristián, e un dos santos máis antigos no culto hispánico (s V); e invócase contra o mal da pedra e contra as dores de cabeza. Outros santos con este nome foron Estevo I de Hungría (969-1038), primeiro rei dos maxiares e celebrado o 16 de agosto, o Papa Estevo I (257-260), celebrado o 2 de agosto, ou Estevo Harding (1050?-1133), terceiro abade da orde do Císter. Entre os santos galegos, destaca un abade de Rates (13 de febreiro) e outro de Montes (14 xullo), un freire do convento de Celanova (s XII) e un bispo de Ourense (905). Celebrado o 26 de decembro, santo Estevo é titular de 110 parroquias e patrón do concello de Culleredo, onde se celebra o 26 de xullo. Santa Estevaíña celébrase o 16 de xaneiro. Na tradición oral recóllense ditos como: “Santo Estevo de Malvares / é un santo putañeiro / que lle foi facer un neno / á Saleta de Aniveiro” ou “San Xulián de Torea / non ten camisa lavada. / Santo Estevo de Abelleira / vinte e cinco na ventana”.