Estevo, mestre

Estevo, mestre

Mestre de cantería e escultor. Identificouse co mestre das Praterías e suponse que era fillo do mestre Bernaldo o Vello e pai de Bernaldo o Novo. Traballou tamén na porta do Perdón de San Isidoro de León e iniciou as obras da catedral románica de Pamplona (1001), onde o identificaron como mestre de obras de Santiago, aínda que a súa presenza en Compostela se relaciona co reinicio das obras da catedral baixo o goberno de Xelmírez, datadas segundo unha inscrición da porta das Praterías en 1103, polo que pode tratarse do mesmo mestre ou de dous diferentes con características estilísticas semellantes. Na catedral compostelá atribúenselle a finalización do deambulatorio, a realización do cruceiro e o deseño do programa iconográfico das portas de Praterías e da desaparecida porta do Paraíso. Nas Praterías atribúenselle as figuras de Eva, David, os monstros coa serpe enroscada e o mozo dacabalo dun león no tímpano esquerdo; o santo Andrés das xambas; os leóns na liña de impostas; e algúns anxos e fustes das columnas. O seu estilo caracterizouse pola xeometrización das formas pero dotou as figuras dunha gran vitalidade. Coidou a caracterización física dos personaxes, con fazulas inchadas, ollos saíntes e beizos grosos e co cabelo en guedellas. As dobras, talladas en forma paralela, teñen ritmos contrapostos.