Estienne
Familia de impresores, libreiros e humanistas franceses, orixinaria de Provenza, que traballou durante os ss XVI e XVII en París e Xenebra. Imprimiu con gran perfección tipográfica unhas 1.600 obras, en boa parte textos antigos e obras humanísticas. Iniciou a actividade Henri I (París 1465? - 1520), que imprimiu 121 obras de filosofía, astronomía e matemáticas; sobresae o Psalterium Quintuplex gallicum, romanum, hebraicum, vetus, conciliatum (1509), de Jacques Lefèvre d’Estaples. Tivo tres fillos: Robert , un dos membros máis destacados da familia, François (1502-1550?), que publicou poucos volumes, e Charles (? 1504? - París 1564). Este último dirixiu a imprenta cando Robert marchou para Xenebra; foi impresor do rei, pero distinguiuse sobre todo como escritor, principalmente de traballos de agricultura (Praedium rusticum, 1554, obra da que fixo unha edición francesa ampliada co título de L’Agriculture et Maison rustique, 1564) e de medicina (De Dissectione partium corporis humani, 1545), aínda que tamén deixou guías de viaxe e obras de carácter pedagóxico, histórico e filolóxico (Ditionarium historicum, geographicum, poeticum, 1595). Continuaron a actividade familiar os fillos de Robert, Henri II , grande erudito, Robert II (París 1530? - Xenebra 1570?), que foi tamén impresor real e cultivou a poesía, e François II , fundador dunha imprenta en Xenebra (1562). Entre os membros da cuarta xeración sobresaen Paul (Xenebra 1566 -? despois de 1627), fillo de Henri II, que sucedeu a seu pai na dirección da casa pero foi detido e desterrado pola súa implicación na conspiración da Escalada (1605) e acabou por venderlles o negocio aos irmáns Chouet; Robert III , fillo de Robert II, continuou coa imprenta paterna desde 1606 e foi nomeado intérprete real de grego e latín, linguas nas que, como en francés, escribiu moitos poemas; e Gervais , Adrien e Jerôme , fillos de François II, impresores en París. Antoine (Xenebra 1592 - París 1674), fillo de Paul, foi o último impresor da familia. Despois de abxurar do calvinismo, recobrou a nacionalidade francesa. En 1614 foi nomeado impresor do rei. A familia Estienne deu o seu nome á École Supérieure Estienne des Arts et des Industries Graphiques, fundada en París en 1889.