Estienne, Robert
Impresor, libreiro, humanista e filólogo. Como impresor, introduciu melloras técnicas considerables na tipografía. Gran coñecedor do latín e do grego, aprendeu o oficio de impresor do seu pai e, á morte deste, do seu padrasto, Simon de Colines, que continuara co negocio daquel. En 1526, cando Simon de Colines abriu a súa propia imprenta, Robert encargouse da súa dirección adoptando o emblema da oliveira, que sería o signo distintivo da casa Estienne. En 1539 Francisco I nomeouno impresor real para as linguas hebrea e latina e algún tempo despois para a grega, de maneira que foi o primeiro en empregar nunha edición das obras de Eusebio os caracteres gregos “reais” gravados por Claude Garamond. Editou moitos textos da antigüidade clásica, a maioría con comentarios eruditos: así, entre 1526 e 1536, fixo aparecer varias edicións de Terencio; publicou tamén a Plauto, a Cicerón e a Virxilio. Foi autor de obras de carácter pedagóxico e gramatical, como La manière de tourner en langue française les verbes (1530) e Traité de la grammaire françoise (1557). Dos traballos lexicográficos destaca o Ditionarium sive Latinae Linguae Thesaurus (1532), valioso estudo do vocabulario latino, así como o Ditionarium latinogallicum (1538) e o Ditionnaire françoislatin (1539 e 1549), cos que inaugurou a produción lexicográfica bilingüe do francés; os principios aplicados nestas dúas obras van continuar durante bastante tempo con posterioridade. Compuxo tamén un Ditionarium propriorum nominum (1541) e un Petit ditionnaire des mots français tournés en latin. Outra vertente da súa produción foi a edición de textos bíblicos; ademais de salterios e concordancias (Concordances de la Bible, 1555), fixo once edicións completas da Biblia en hebreo, latín e francés, así como diversas edicións do Novo Testamento en grego, latín e francés. Esta actividade, desde a súa tradución da Biblia en latín (1527), valeulle a animadversión dos teólogos da Sorbonne. Trala morte de Francisco I, e para evitar as persecucións por esa causa, refuxiouse en Xenebra (1550) onde abrazou o calvinismo e fundou unha imprenta que puxo ao servizo das ideas reformistas. Nela publicou en francés a principal obra de Calvino, L’institution de la religion chrétienne, así como a súa Les censures des théologiens de Paris par les quelles ils avoyent faulsement condamne les Bibles imprimées par Robert Estienne, avec la response d’iceluy (1552). En 1556 Xenebra concedeulle o status de “burgués”.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : París -
Deceso
Lugar : Xenebra