estireno

estireno
Nome científico: [vinilbenceno:C<sub> 6</sub> H<sub> 5</sub> CH=CH<sub> 2</sub> ]

Hidrocarburo aromático líquido, facilmente polimerizable, de aspecto oleoso, cor amarela, olor penetrante, inflamable, lixeiramente tóxico, e soluble en alcohol, éter e benceno. É un dos produtos básicos da industria petroleoquímica, que se emprega na fabricación de polímeros e copolímeros para a preparación de diversos materiais plásticos e cauchos. Obtense principalmente a partir da deshidroxenación do etilbenceno, feito que supón o 97% da produción mundial:
GRAFICO
Nesta reacción faise pasar o etilbenceno a 600-650°C sobre un catalizador de óxido de ferro ou de cinc. A reacción é endotérmica. Sepárase o estireno formado (un 40%) dos outros produtos da reacción por destilación fraccionada a presión reducida, co fin de chegar a unha concentración superior ao 99,8%, necesaria para a polimerización. O estireno adquiriu importancia en 1925, cando a I. G. Farben se lanzou á fabricación do polistireno, que se empregou durante a Segunda Guerra Mundial como materia prima para a obtención de caucho. O polistireno é amorfo e ten pouca resistencia térmica e mecánica. Para mellorar as súas propiedades copolimerízase con outros monómeros ou empréganse catalizadores tipo Ziegler no proceso de polimerización. A fabricación de polistireno aumentou coas novas aplicacións das escumas de poliestireno, por exemplo no campo da construción e das embalaxes.