Estonia

Estonia
Nome científico: [nome oficial: República de Estonia; estoniano: Eesti Vabariik]

Estado de Europa Oriental que limita ao N co golfo de Finlandia, ao L con Rusia, ao S con Letonia e ao O con Mar Báltico. Tamén pertencen a Estonia unhas 1.500 illas, entre as que destacan, polo seu tamaño, Saaremaa e Hiiumaa ao O, fronte ao golfo de Riga (45.227 km2; 1.376.700 h [estim 2000]). Esténdese entre os 58° e 60° de latitude N e os 22° e 28° de lonxitude L. A capital é Tallinn.
Xeografía física

Relevo, hidrografía e climatoloxía
Estonia está formada na súa maior parte por unha gran chaira, cunha altitude media de 50 m. O seu cumio máis elevado, o Nunamägi, situado no SL do país, só acada os 318 m de altitude sobre o nivel do mar. O 20% do seu territorio está cuberto por zonas pantanosas. Tamén son importantes os lagos que cobren un 5% da superficie do país, principalmente o Peipus, ao L, que establece a fronteira con Rusia. A rede hidrográfica articúlase a partir dos ríos Narva (que desemboca no lago Peipus), o Pärnu (que verte no golfo de Riga) e o Pöltsamaa. As formas do relevo teñen relación coa actividade glacial cuaternaria, representada nas pequenas serras alongadas e dispostas de N a S. As principais formas morfolóxicas son as morenas e as depresións pantanosas. Os ventos húmidos do Báltico atenúan as baixas temperaturas do inverno. As precipitacións son moderadas, cunha media anual de 500 a 700 mm, mentres que as temperaturas son baixas, debido á súa latitude circumpolar: a temperatura media anual en Tallinn é de 5,1°C. Os invernos son moi rigorosos no aspecto térmico (a temperatura media en xaneiro é de -7°C na capital), mentres que os veráns resultan suaves (16°C de temperatura media en xullo).
Xeografía económica

Economía
Debido ás carencias de recursos enerxéticos, Estonia ten unha gran dependencia do exterior. O seu principal provedor foi tradicionalmente Rusia. A economía estoniana sufriu bastante por mor da demanda de Rusia de que os pagamentos do petróleo foran liberados en divisas, feito que provocou o peche dalgunhas fábricas. A inflación en 1999 era do 3,3% e o índice de desemprego no mesmo ano de 3,4%. Desde a súa independencia, produciuse un auxe do comercio con Europa Occidental. A ruptura das relacións comerciais coas antigas repúblicas soviéticas orixinou a caída da produción nun 30% en 1992. A finais de 1991, máis do 90% do seu comercio realizábase coa URSS; tres anos despois, o 60% con países da UE. A transición do socialismo á economía de mercado posibilitou a apertura dunha bolsa de valores en Tallinn en 1996, así como a expansión do sector financeiro. A moeda oficial é a coroa estoniana.
Recursos e sectores de actividade
O sector terciario é o alicerce da economía estoniana, pois dá emprego ao 56% da poboación ocupada e achega o 68% do PIB. O sector secundario dá emprego ao 32% dos traballadores estonianos, pero só proporciona o 26% da produción nacional: a minería e a industria metalúrxica son as principais actividades do sector, seguidas das refinerías e industrias petroleoquímicas, as do sector téxtil e a industria auxiliar do automóbil. O N do país concentra a maior parte da produción industrial. O sector primario representa o 6% do PIB e dá emprego ao 12% dos ocupados: as actividades agrarias céntranse na cría de gando bovino, porcino e na elaboración de produtos lácteos, e os principais cultivos son as patacas e o orxo; polo que respecta á pesca, nos seus portos descargáronse 118.714 t de peixe en 1998.
Comercio exterior
O comercio exterior ten un claro signo deficitario, debido fundamentalmente á dependencia enerxética. O valor das exportacións en 1999 foi de 3.313 millóns $ USA. Os seus principais clientes foron Finlandia (19%), Suecia (18%), Rusia (9,2%) e Alemaña (7,5%). As principais partidas de exportación son a maquinaria e os produtos agrícolas. O valor das importacións no mesmo ano foi de 4.241 millóns $ USA. Os principais provedores foron Finlandia (19%), Rusia (13,5%), Suecia (9,3%), Alemaña (9,3%) e Xapón (4,7%). Os produtos téxtiles e químicos, ademais dos enerxéticos, son os máis destacados das importacións.
Transportes e comunicacións
As comunicacións están favorecidas pola ausencia de grandes dificultades orográficas. A rede de estradas suma 16.430 km, con 9.525 km asfaltados (1998). A rede de ferrocarril só suma 1.018 km, con 132 km electrificados (1998). Tamén dispón de 520 km (1998) de vías para a navegación interna, especialmente no lago Peipus. Os principais portos marítimos son Narva e Tallinn, onde tamén se localiza o aeroporto internacional.
Xeografía humana
O crecemento da poboación no período 1994-1999 foi negativo (-0,8%), debido principalmente aos baixos índices de natalidade (8,7‰ [1999]). Polo que respecta á estrutura por idades, presenta síntomas de avellentamento, pois a porcentaxe de maiores de 65 anos é do 14%, mentres que a de menores de 15 é do 17%. A porcentaxe de poboación urbana é do 68,6% (2000). Os principais núcleos de poboación son a capital, Tallinn (404.000 h [2000]), Tartu (101.200 h [2000]), Narva (75.200 h [1997]), Kohtla-Järve (53.500 h [2000]) e Parnu (45.700 h [2000]).
Sociedade e goberno

Diversidade étnica e cultural
Os estonianos son o principal grupo étnico, e constitúen o 65,2% da poboación. Antes da anexión soviética os rusos só representaban o 7% da poboación, pero despois da invasión chegaron de xeito masivo, nun fluxo migratorio organizado polas autoridades soviéticas con asentamentos a grande escala. Así, os rusos constitúen o 28,1% da poboación. Na época soviética tamén se estableceron no país importantes colonias de ucraínos (2,5%) e bielorrusos (1,5%), atraídos tamén pola política industrializadora. Coa proclamación da independencia, en 1992 aprobáronse leis para restrinxir a nacionalidade estoniana. Segundo as leis, concederíaselles a nacionalidade a todos os residentes no país antes de 1940, así como aos seus descendentes, sen ter en conta o grupo étnico ao que pertencían. O resto da poboación ten que pasar un exame sobre a lingua estoniana e levar máis de dous anos no país. A lingua oficial é, desde 1989, o estoniano, pero as minorías étnicas tamén falan ruso, ucraíno, bielorruso, finlandés, tártaro, letón, lituano e alemán. As principais relixións son a ortodoxa (19,9%) e a luterana (13,7%).
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1999 situaba a Estonia entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o 44º posto cun índice do 0,812). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 70,3 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 98% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 86%; e o PNB real por habitante (PPA) é de 8.355 $ USA.
Goberno e política
Independente dende 1918, a URSS anexionouno en 1940, pero recuperou a súa independencia o 6 de setembro de 1991. Coa Constitución do 28 de xuño de 1992 dotouse dun réxime parlamentario. O poder executivo correspóndelle ao primeiro ministro (dende o 18 de xaneiro do 2002 Siim Kallas), designado polo presidente da República e aprobado polo Parlamento, e ao consello de ministros, que non teñen que responder diante do Parlamento. O poder lexislativo reside no Riigikogu, Parlamento unicameral, que consta de 101 membros elixidos por votación popular para un período de catro anos segundo un sistema proporcional. O Parlamento elixe o presidente da República para un mandato de cinco anos, mediante unha votación secreta en que ten que acadar unha maioría de dous tercios, ou mediante unha votación do colexio electoral, formado polos membros do Riigikogu, xunto aos 273 representantes dos consellos locais, en que ten que acadar a maioría simple. O sistema xudicial baséase no Código Civil. O máximo órgano de xustiza é a Kohtud ou Corte Suprema, formada por 17 xuíces. Conta ademais con tribunais de distrito, de condado e locais, e tamén con tribunais administrativos. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Racial; Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes; Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951); Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967); Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Protocolo de Roma para a creación do Tribunal Penal Internacional; Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais (1950); Convenio Europeo para a Prevención da Tortura e das Penas ou Tratos Inhumanos ou Degradantes (1987); e o Sexto Protocolo do Convenio Europeo para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais referente á abolición da pena de morte (1983). Os partidos políticos máis importantes son: a coalición Rahvarinne, composta por partidos de esquerdas e centro; Eesti Keskerakond (K), centrista; Isamaaliit (I), de tendencia conservadora; Eesti Reformierakond (RE), liberal; Rahvaerakond Mōōdukad (M), socialdemócrata; Eesti Koonderakond (KE), liberal; e Eesti Maarahva Erakond (EME), que se reorganizou como Eestimaa Rahvaliit. Existen ademais forzas como a Eestimaa Ühendatud Rahvapartei (EÜRP), que defende os intereses da minoría rusa. Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Consello de Europa, Banco Europeo de Reconstrución e Desenvolvemento (BERD), ONU e OSCE e o 9 de outubro de 2002, a Comisión Europea recomendou o seu ingreso na UE en 2004.
Historia

As orixes
Membros da familia finougria, os antepasados dos estonianos, asentáronse na rexión ao redor do 4000 a C e organizáronse en grupos dedicados á caza e á pesca de xeito seminómade. A partir do s V a C desenvolveron unha economía dominada pola agricultura e a gandería e un sistema de goberno baseado en comunidades independentes e confederadas, sometidas todas elas a un sistema patriarcal. No s I d C apareceron as primeiras subdivisións políticas e administrativas, mentres a maior parte dos estonianos eran pequenos granxeiros.
A conquista e colonización
A comezos da Idade Media, co incremento da navegación no Báltico, fixeron da piratería unha das principais fontes da súa economía. Sufriron os ataques dos viquingos normandos dende mediados do s IX, que someteron o país ata mediados do s XI. No 1194 sufriron unha invasión dos dinamarqueses, pero a súa resistencia á cristianización provocou que o bispo de Livonia, Alberte de Buxhövden, constituíse a orde relixioso-militar dos Cabaleiros Portaespadas (1202) que, reforzados con cruzados alemáns e coa axuda de tropas rusas e suecas, ocuparon a metade S do país (1217). Aliáronse con Valdemar II de Dinamarca para someter o resto do territorio e as illas (1224 e 1227); o papa outorgoulles a rexión do N aos dinamarqueses, que fundaron Narva e Tallinn, e o S correspondeulles aos alemáns. No 1236 os Cabaleiros Portaespadas fusionáronse coa Orde Teutónica, e pasaron a chamarse Orde Livonia dos Cabaleiros Teutónicos. Trala insurrección estoniana (1343-1344), Dinamarca cedeulle a súa parte á Orde Livonia dos Cabaleiros Teutónicos, a cambio dunha compensación monetaria (1346). A partir dese momento e xunto coa Hansa, estableceron numerosos centros comerciais nas súas costas. Malia os ataques e invasións dos rusos, en 1481 e 1558, os nobres de orixe xermánica continuaron gobernando en Estonia preservándoa da Reforma Protestante.
Os dominios suecos e ruso
No 1558 o Tsar Iván IV de Rusia emprendeu unha ofensiva contra Livonia e invadiu Narva e unha parte do territorio de Estonia, pero no 1561 Suecia conquistou as rexións do N, durante a Guerra de Livonia, e expulsou os rusos, ao tempo que a Orde Livonia dos Cabaleiros Teutónicos perdía o poder e disolvíase. O Rei Gustavo II de Suecia garantiulles aos estonianos unha relativa autonomía e no 1631 abriuse en Tallinn a primeira escola en que se ensinaba estoniano. Ao ano seguinte fundouse a primeira universidade na cidade de Tartu. Na segunda metade do s XVII e como consecuencia das reformas do réxime feudal adoptadas polos monarcas suecos, produciuse unha mellora nas condicións de vida da poboación, aínda que a costa do resentimento e as queixas dos nobres. O Tsar Pedro I o Grande de Rusia invadiu o país trala derrota sueca en Poltava (1710) e anexionouno definitivamente polo Tratado de Nystadt (1721). A política do tsar devolveulle á nobreza de orixe xermánica as prerrogativas que foran limitadas polos gobernantes suecos e someteu aos campesiños a un réxime de servidume que orixinou unha forte emigración. Como consecuencia, a nobreza de orixe xermánica desenvolveu unha forte lealdade cara aos soberanos rusos, que garantiu os seus privilexios, especialmente durante o goberno de Catarina II de Rusia.
O nacemento do nacionalismo estoniano
A abolición da servidume e a conquista do dereito de propiedade sobre as terras dos antigos servos en Estonia (1816) impulsou a actividade agraria, os movementos de poboación cara ás cidades e un auxe na economía. A prosperidade económica da segunda metade do s XIX provocou o desenvolvemento dunha conciencia nacional estoniana e un renacemento cultural, vinculado ao emprego do estoniano como a lingua de ensino nas escolas, á consolidación da escritura e do folclore nacionais, e ao desenvolvemento dunha literatura nacional. Dende o goberno de Alexandre III, o réxime ruso endureceu as medidas para impoñer a súa cultura sobre a poboación estoniana, pero os seus esforzos fracasaron. As demandas dos estonianos de liberdade de prensa e de reunión, e sobre todo de autonomía nacional, atoparon a súa expresión durante a insurrección obreira de 1905, dirixida polo líder radical Jaan Teemant. Malia que a rebelión foi reprimida brutalmente, os grupos de oposición sobreviviron e participaron na nova asemblea rusa, a Duma. Á caída do réxime tsarista en febreiro de 1917, o novo goberno provisional ruso con sede en San Petersburgo, viuse forzado polo influínte grupo estoniano a garantir a unificación territorial do pobo nunha provincia e o dereito á elección dunha asemblea provincial autónoma estoniana, Maapäev. As primeiras eleccións para esta asemblea amosaron resultados favorables aos partidos de esquerdas.
O estado independente
Estonia acadou a independencia o 12 de outubro de 1917, pero despois da Revolución Rusa foi ocupada polos bolxeviques en decembro e polo exército alemán en febreiro de 1918. Anexionada por Alemaña polo Tratado de Brest-Litovsk, trala súa derrota na Primeira Guerra Mundial, comezou a Guerra de Liberación de Estonia, en que os estonianos derrotaron os rusos en febreiro e, de novo, en novembro de 1919 ao exército ruso e ás tropas mercenarias alemanas. Polo Armisticio de Tartu (2.2.1920), o goberno bolxevique de Rusia recoñeceu a súa independencia. O novo goberno, que adoptou unha Constitución democrática inspirada no modelo suízo, emprendeu unha reforma agraria, durante a que se redistribuíron as propiedades da nobreza báltica entre os campesiños e os voluntarios da guerra da independencia. Como consecuencia da perda dos seus antigos mercados en Rusia, desenvolveu unha economía exportadora orientada cara aos mercados de Escandinavia, Reino Unido, rexións da Europa Oriental e tamén, malia que nun volume menor, cara aos EE UU. A nova lexislación garantiu os dereitos das minorías e o goberno organizou escolas na lingua de cada unha das etnias. A diversidade de grupos políticos con representación parlamentaria entre 1919 e 1933, favoreceu a inestabilidade dos gobernos durante este período. Como consecuencia da Crise de 1929 produciuse un reequilibrio no espectro político a prol das forzas de dereitas, feito que favoreceu que no 1933 aprobasen unha nova Constitución na que se incrementaron os poderes do executivo. Nun novo paso cara ao autoritarismo, o primeiro ministro, Konstantin Päts, disolveu o Parlamento e gobernou o país por decreto dende 1934. En 1938 aprobouse unha terceira Constitución na que se plasmaba un sistema presidencialista e parlamentario, e no 1939 foi elixido un novo Parlamento. Malia a súa neutralidade no período de entreguerras, estableceu unha alianza coa URSS (1937) fronte ao expansionismo alemán, pero trala firma do pacto de non agresión entre a URSS e os alemáns, (Pacto Molotov-Ribbentrop do 23.8.1939), quedou incluída na área de dominio dos soviéticos, que incluía aos seus veciños Lituania e Letonia.
A ocupación soviética
Ocupada polas tropas soviéticas en xuño de 1940, foi anexionada pola URSS en agosto dese ano e ata a invasión alemá emprendeuse a expropiación das propiedades e a sovietización da vida cultural. A represión política das novas autoridades soviéticas manifestouse na deportación de 60.000 estonianos aos campos de concentración en Siberia. A invasión dos alemáns o 14 de xuño de 1941 foi recibida por unha parte da poboación como unha mellora na súa situación. Durante a súa ocupación morreron ao redor de 5.500 estonianos en campos de concentración, principalmente os colaboradores do réxime comunista. Foi reconquistada polos soviéticos en setembro do 1944, xunto cos outros estados do Báltico, e impuxeron unha colectivización masiva da agricultura, ao tempo que desenvolveron un proceso de industrialización que se acompañou dun importante fluxo inmigratorio de poboación procedente doutras repúblicas soviéticas, especialmente de Rusia. Durante os últimos anos do estalinismo producíronse dúas grandes deportacións; a primeira entre 1945 e 1946 afectou a 20.000 estonianos e a segunda, en 1949, significou o traslado de máis de 40.000 que se opuñan ás medidas colectivizadoras. Como consecuencia destas medidas desenvolveuse un movemento guerrilleiro denominado Metsavennad (Os Irmáns do Bosque), composto por desertores do exército soviético e das forzas de seguridade, xunto con ex-soldados estonianos do exército alemán. Entre os seus obxectivos estaba conseguir a intervención dos aliados para restaurar a democracia en Estonia. A súa actividade foi intensa entre 1946 e 1948, cando acadaron o dominio efectivo sobre algunhas áreas rurais e os seus efectivos chegaron a sumar 5.000 homes. Cara a 1953 o movemento esmoreceu. Trala guerra, o Partido Comunista de Estonia converteuse na principal institución da República, pero a porcentaxe de afiliación entre os estonianos reduciuse ata o 48% no 1952, e a maior parte dos seus novos membros procedían da poboación de orixe foránea, que se trasladara para atender as novas industrias, ou de estonianos que emigraran a URSS. Trala morte de Stalin, a base social do Partido Comunista estendeuse entre os estonianos, non obstante os postos de responsabilidade ocupábanos de xeito maioritario os rusos ou estonianos rusificados. A apertura e os primeiros contactos con Occidente a finais da década de 1950 permitiu o desenvolvemento dun activo contrabando con Finlandia na década seguinte. Mentres, o proceso de rusificación cultural impúxose; dende 1981 o ruso foi a lingua de ensino na etapa preescolar e na educación primaria, malia as protestas dos intelectuais estonianos. Ao mesmo tempo, cara ao final do goberno de L. Brežnev na URSS apareceron movementos de oposición ao réxime comunista.
A transición cara á independencia
As reformas aperturistas emprendidas durante o goberno de M. Gorbačov que estimularon as actividades sociopolíticas, permitiron que os estonianos denunciasen a ilegalidade da anexión de 1940 e constituísen os primeiros partidos políticos de oposición. As transformacións afectaron tamén ao Soviet Supremo da República, que se transformou nun auténtico corpo lexislativo rexional e aprobou medidas como a declaración de soberanía en novembro de 1988, a lei de independencia económica en maio de 1989, confirmada polo Sóviet Supremo da URSS, e as leis restritivas que estipularon os requerimentos de residencia para os electores e os candidatos nas eleccións locais e nacionais, en agosto e novembro de 1989. En febreiro e marzo de 1990 producíronse eleccións para o Consello Supremo, nas que votaron todos os residentes en Estonia, incluídos os 50.000 soldados soviéticos, nas que saíu vencedor Edgard Savisaar, da coalición de centroesquerda Rahvarinne. Malia que se formularon dúbidas sobre a legalidade destas eleccións, os seus resultados continuaron en vigor ata despois da independencia.
A Estonia independente
O Riigikogu proclamou a independencia en agosto de 1990, pero os soviéticos rexeitárona e producíronse escaramuzas entre as tropas soviéticas e os grupos nacionalistas estonianos ata comezos de 1991. Estonia foi admitida como membro da ONU o 17 de setembro de 1990 e, trala caída do réxime comunista da URSS, o novo goberno recoñeceu oficialmente a independencia das repúblicas bálticas o 6 de setembro de 1991. A nova Federación Rusa aplicou durante o ano seguinte un incremento dos prezos dos alimentos e do combustible segundo o nivel no mercado internacional, que obrigou a Estonia a limitar o seu consumo e as importacións. As críticas á política económica do goberno de E. Savisaar provocaron a súa renuncia en xaneiro de 1992. Substituíuno Tiit Vähi como primeiro ministro. A Asemblea Constituínte redactou unha nova Constitución baseada nos principios dunha República parlamentaria e inspirada na de 1938. Aprobouse por referendo o 28 de xuño de 1992. Nas eleccións parlamentarias de setembro de 1992 o dereito ao voto limitouse aos estonianos; os sufraxios outorgaron a vitoria ao Isamaaliit (I). Lennart Meri foi elixido presidente polo Riigikogu (5.10.1992) e inmediatamente aprobouse unha declaración coa que se marcou a fin do período de transición e reinstituíuse a Constitución (7.10.1992). Mart Laar converteuse en primeiro ministro (21.10.1992) e emprendeu unha política económica neoliberal caracterizada pola privatización dos medios de produción, que se suspendeu en decembro de 1992 polas irregularidades dos funcionarios. A comezos de 1993 reiniciouse a devolución dos bens confiscados durante o réxime comunista aos seus antigos propietarios. O novo goberno enfrontouse á poboación rusa residente trala aprobación dunha lexislación restritiva respecto á concesión da nacionalidade. O presidente ruso Boris Ieltsin reaccionou cun corte na subministración de gas natural e detivo o proceso de retirada das tropas rusas do Báltico, mentres que a comunidade rusa proclamou a súa independencia despois dun referendo. Ao mesmo tempo, o goberno estoniano reforzou os vínculos coas repúblicas de Lituania e Letonia coa firma dun tratado de libre comercio en setembro de 1993, polo que eliminaron os aranceis e facilitaron a normativa sobre visados e aduanas. En febreiro de 1994 asinou o pacto de cooperación militar limitada coa OTAN e, trala retirada das tropas rusas en agosto dese ano, acadou unha normalización nas súas relacións e aceptou a permanencia no país do persoal soviético retirado, que puido acceder á nacionalidade. Nas eleccións de marzo de 1995 chegou ao poder unha coalición en que participaban o KMÜ e o Eesti Keskerakond (K). Tiit Vähi foi reelixido primeiro ministro e orientou a súa política cara á descentralización administrativa, ao tempo que proporcionou axudas aos labregos e a outros sectores afectados pola política de liberalización económica. En abril asinou un acordo de asociación coa UE polo que tivo que emprender profundas reformas na súa economía e lexislación como un dos requisitos previos. O escándalo provocado polas presuntas escoitas ilegais do ministro do Interior provocou a renuncia do gabinete e a formación dun novo goberno, tamén presidido por Tiit Vähi, en que se integrou o Eesti Reformierakond (RE). Lennart Meri foi reelixido para un segundo mandato como presidente de Estonia nas eleccións de setembro de 1996. En febreiro de 1998 asinaron o Acordo Europeo, e en marzo de 1998 iniciaron as negociacións definitivas para a súa adhesión na UE. Nas eleccións presidenciais de 1999 venceu a coalición tripartita de centro dereita formada polo I, o RE e o Rahvaerakond Mōōdukad (M), feito que permitiu que M. Laar formase goberno como primeiro ministro. O seu gabinete presentou como obxectivo principal a inserción de Estonia nas estruturas europeas, para o que incrementou o presuposto de defensa segundo as directivas da OTAN, recortou os subsidios agrarios para acadar o equilibrio financeiro, e eliminou as barreiras aos investimentos estranxeiros, ao tempo que culminou o programa de privatizacións. Despois de aprobar uns presupostos equilibrados, marcados polos recortes nos gastos administrativos, dende comezos de 2000 adoptou unha política aduaneira restritiva cos países que non suscribiran un acordo de libre comercio, como Rusia. Acadou unha notable recuperación da economía en 2000, marcada por un incremento do PIB do 6,4%, un descenso da inflación ata o 4% e a estabilización da taxa de desemprego no 7,3%. Nas eleccións presidenciais de setembro de 2001 produciuse a ruptura da coalición no goberno, feito que facilitou a vitoria de Arnold Rüütel e a dimisión de M. Laar (8.1.2002), substituído por Siim Kallas, membro da anterior coalición no poder e líder do RE.