Estrasburgo
Capital da rexión de Alsacia e do departamento do Baixo Rin, Francia, na fronteira con Alemaña (263.896 h [1997]). Situada nunha fértil chaira na beira do río Ill, nun cruzamento de grandes vías de comunicación internacionais e cunha rede de canles navegables que comunican o Ill e o Rin co río Marne. O núcleo primitivo da cidade formouse nunha illa entre os dous brazos do Ill. É un importante porto, cunha grande actividade comercial. Tamén é o centro de transformación e distribución de numerosas materias primas. A industria está moi diversificada (metalurxia, alimentación, téxtil, química, madeira, construción naval e refinería de petróleo). Ten unha importante biblioteca universitaria (3 millóns de volumes). Campamento romano fundado por Druso no 12 a C co nome de Argentoratum, foi devastado no s V polas invasións xermánicas e no s VI reapareceu co nome de Strateburgum (‘cidade dos camiños’). Formou parte dos imperios carolinxio e xermánico. Pola Paz de Westfalia (1648), os terreos da esquerda do Rin pasaron a Francia e polo Tratado de Rijswijk, Alemaña aceptou a soberanía francesa. En 1870 os exércitos prusianos apoderáronse da cidade e en 1918 Francia volveuna ocupar polo Tratado de Versailles. Trala ocupación nazi de 1940, o 23 de novembro de 1944 Francia recuperouna. Dende 1949 é sede do Consello de Europa e dende 1979 do Parlamento Europeo. Do seu patrimonio cultural destacan, na arquitectura relixiosa, a catedral, comezada en estilo románico en 1190 sobre unha construción de 1015 e as igrexas de Sankt Thomas (ss XIII-XIV) e Sankt Wilhelm (ss XV-XVII); na arquitectura civil sobresaen, entre outras, as pontes cubertas medievais e con torres cadradas, as fortificacións (s XVII), as casas góticas, Frauenhaus e Kramerzeel, e o Hôtel du Comerce (s XVI). En 1988 o barrio medieval da cidade foi declarado Patrimonio da Humanidade.