estratificación

estratificación

(

  1. s f [XEOL]

    Deposición dun estrato ou capa detrás doutro estrato en superficies planas ou lixeiramente inclinadas. A estratificación orixínase por cambios nos materiais que se ían depositando ou por cambios nas condicións do depósito. Estes cambios poden ser: variación do tamaño dos grans; cambios na textura, como o arredondamento das partículas; e cambios na cementación e na compactación das partículas. Un caso especial é a estratificación cruzada, que se orixina cando unha corrente de auga diminúe de velocidade ao penetrar en augas máis quietas; este tipo orixínase tanto en augas pouco profundas dos ríos como nas máis profundas dos medios mariños. O caso normal é a estratificación gradual, que consiste en que o material grande que se deposita na parte inferior do estrato se volve máis fino gradualmente e acaba por ser finísimo na parte superior.

  2. s f [AGR]

    Operación de dispoñer en capas ou estratos sementes de plantas arbóreas e area ou terra fina, alternativamente, para acadar unha mellor conservación e evitar a súa alteración por contacto co aire ou a xerminación prematura.

  3. s f [ECOL]

    Disposición dunha biocenose en estratos.

  4. s f [LING]

    Subdisciplina lingüística que ten como obxectivo establecer correlacións entre variables lingüísticas e sociais, isto é, adscribir as diferencias de expresión a distintos grupos sociais, de aí que necesite recorrer á estratificación social como unha das súas ferramentas fundamentais. Este termo adaptouse da socioloxía e utilízase especialmente na área da sociolingüística variacionista, iniciada por William Labov. Este concepto emprégase tamén na socioloxía da linguaxe, co fin de establecer a distribución social das linguas en sociedades bilingües ou multilingües. A cuestión que se intenta responder é: falan de distinta maneira os diferentes estratos sociais? En liñas xerais, as variantes ou linguas máis prestixiosas son as usadas polos estratos que contan con máis poder e status social. Por outra parte, o propio feito de que determinadas variantes ou linguas sexan máis usadas por uns grupos ca por outros provoca que estas adquiran connotacións positivas ou negativas. Como consecuencia, o desexo de mobilidade social pode levar a algúns individuos a adoptar as variantes ou linguas con máis prestixio. Só se pode falar de estratificación cando hai posibilidade de xerarquizar os distintos grupos diferenciados. Así, mentres un criterio como o nivel de estudios permite ordenar os diferentes grupos nunha escala de maior a menor (ou viceversa), outras variables, como o xénero, non son susceptibles de ordenación. Neste último caso, as variantes que as compoñen reciben a denominación de categorías en lugar de estratos. O concepto de estrato mantén unha relación de inclusión con respecto ao de clase social, de xeito que esta é unha das variables que se utilizan para levar a cabo a estratificación. Neste sentido presenta os mesmos problemas ca o de clase social. Á parte destes, o aspecto máis complexo da estratificación consiste en decidir o lugar onde situar os cortes entre os distintos estratos no interior dunha mesma variable, así como o número de cortes que se queren realizar.

  5. estratificación social [SOCIOL]

    División da sociedade en capas, clases ou grupos que se consideran mutuamente relacionados e xerarquizados dos máis baixos aos máis altos. O termo, adaptado do concepto xeolóxico, incorporouse á socioloxía na década de 1940. Os estratos sociais defínense de acordo cos valores de cada individuo, segundo a súa posición social; constituirán un mesmo estrato aqueles individuos que teñen oportunidades similares. Na teoría da estratificación social, K. Marx representou un cambio radical, coa súa doutrina sobre as clases sociais, a dos que posúen os medios de produción e a dos traballadores ao servizo daquelas, ao facer exclusiva a importancia do factor económico como criterio de estratificación. A socioloxía anglosaxona criticou a formulación marxista na medida en que esquecía os condicionamentos que derivan do prestixio e dos diferentes cargos laborais e profesionais e das estruturas étnicas e socioculturais dos diferentes tempos e lugares. Os tipos principais de estratificación aceptados comunmente polos sociólogos son cinco e corresponden ás sociedades en que está vixente a escravitude, entre outras, a Grecia e Roma antigas, e algúns estados dos EE UU nos ss XVIII e XIX; a orde medieval de estamentos; o sistema hindú de castas; a loita de clases na teoría marxista; e a división dos individuos e grupos segundo o seu estatus social.

Palabras veciñas

estratexia | estratéxico -ca | estrati- | estratificación | estratificar | estratigrafía | estratigráfico -ca