Estreitos, cuestión dos

Estreitos, cuestión dos

Problema suscitado en relación cos estreitos do Bósforo e dos Dardanelos, e o acceso dos barcos rusos a través do Mediterráneo aos portos do Mar Negro. Polo Tratado de Küçük Kaynarca (1774), Turquía permitiu o acceso dos buques comercias rusos a través de ambos os dous estreitos; posteriormente, polo Tratado de Adrianópolis (1829) ampliouse ás flotas comerciais das restantes potencias europeas e desde 1833, polo Tratado de Hünkâr-Iskelesi, aos buques da armada rusa. Na Convención de Londres (1841), confirmada polo Tratado de París (1856), proclamouse a neutralidade do Mar Negro e fixouse en seis o número de barcos de guerra rusos e turcos que podían permanecer simultaneamente nas súas augas, limitación que foi suprimida pola Conferencia de Londres de marzo de 1871. A Convención de Laussane en xullo de 1923 proclamou a total liberdade de navegación, desmilitarizou os Dardanelos e creou unha comisión de estreitos con sede en Constantinopla. O Tratado de Montreux de xullo de 1936 devolveu o control dos estreitos a Turquía, aínda que permitiu o libre paso de buques comerciais en tempos de paz e, en caso de guerra, só a aqueles pertencentes a países que non estivesen en conflito con Turquía; se Turquía era neutral, a entrada tan só se lles permitiría aos buques de países non belixerantes; e, na aviación, o voo só se lles permitiu ás aeronaves civís a través das rutas sinaladas polo goberno turco.

Palabras veciñas

estreitecer | estreiteza | estreito -ta | Estreitos, cuestión dos | estreitura | estrela | Estrela