estrela
(< lat stella)
-
[ASTRON]
-
s
f
Astro de gran volume que brilla con luz propia. As estrelas non brillan todas coa mesma intensidade; numericamente, dise que as estrelas máis brillantes teñen unha magnitude aparente de +1 e as menos brillantes observables a simple vista, de +6. Resérvase a magnitude 0 para aquelas estrelas excepcionalmente brillantes, e as magnitudes negativas para as máis próximas á Terra. A enerxía recibida por unha estrela de primeira magnitude é 100 veces máis grande ca a recibida por unha estrela de sexta magnitude. A partir disto, defínese a escala de magnitudes de maneira que, cando dúas estrelas difiren nunha unidade de magnitude, as correspondentes enerxías recibidas difiren nun factor 5?___100=2,512, chamada razón de Pogson. O obxecto de maior magnitude aparente é o Sol, que ten unha magnitude de -26,74, e os astros de magnitude máis pequena vistos pertencen á magnitude 23. Todos estes valores non indican o verdadeiro brillo das estrelas, senón que hai que ter en conta a súa distancia da Terra. Pódese definir a magnitude absoluta como a magnitude aparente que tería se o astro estivese a unha distancia de 10 parsecs. O desprazamento angular que presenta a estrela entre as dúas posicións extremas da Terra na súa órbita recibe o nome de paralaxe. Este ángulo nunca chega a valer un segundo de arco e son necesarias medidas moi precisas para determinalo. En 1838 F. W. Bessel conseguiu medilo para a estrela 61-Cygnii; no mesmo ano mediuse a paralaxe da estrela máis próxima á Terra, Proxima Cenaturi, que vale 0,762’’. Determináronse as paralaxes de 5.000 estrelas suficientemente próximas para lle poder aplicar o método trigonométrico, e cando isto non é posible, cómpren métodos indirectos, moito máis complexos. No s XVIII E. Halley comprobou que Arcturus e Sirius estaban lonxe das posicións sinaladas por Ptolomeo no Almaxesto e supuxo que estaba causado polo feito de que estas estrelas se movían polo espacio. O movemento das estrelas, chamado movemento propio, só se manifesta nas máis próximas á Terra. O astro de maior movemento propio é a estrela de Barnard, que ten un movemento aparente de 10,3’’ por ano, isto é, 1° cada 394 anos. Por observación telescópica só se manifesta a compoñente do movemento perpendicular á liña visual que une o observador coa estrela, pero non o movemento de afastamento ou de aproximación que ten lugar na mesma dirección da visual. Esta compoñente, chamada movemento radial da estrela, pódese manifestar mediante o estudo das desviacións causadas polo efecto Doppler nas raias dos espectros estelares. As dimensións das estrelas só se poden determinar mediante diversos métodos indirectos. A masa das estrelas só se pode determinar directamente no caso de que teñan outra estrela xirando ao seu redor. En 1924, A. S. Eddington atopou a relación masa-luminosidade, que establece que o brillo dunha estrela aumenta regularmente cando aumenta a súa masa. Esta dependencia é tal, que o brillo intrínseco dunha estrela da secuencia principal é proporcional á terceira potencia da masa. Mediante o método espectrográfico, púidose determinar a composición química das estrelas. A comparación dunha cantidade grande de espectros de distintas estrelas levou a dividilas en clases ou tipos espectrais, que se representan coas letras O, B, A, F, G, K e M, e cada unha destas clases subdividiuse en dez subclases numeradas do 0 ao 9. A esta clasificación, chamada clasificación de Draper ou de Harvard, engadíronse tres clases representadas polas letras R, N e S. A orixe da enerxía estelar non se coñeceu ata que se descubriron as reaccións nucleares. Chegouse á conclusión de que, para todas as estrelas da secuencia principal, como o Sol, e para algunhas outras, as reaccións nucleares produtoras de enerxía consisten na transformación de catro núcleos de hidróxeno, isto é, de catro protóns, nun núcleo de helio. Esta transformación pode ter lugar por dous camiños principais: as reaccións do ciclo protón-protón ou as reaccións do ciclo do carbono ou ciclo de Bethe. Para os astros situados lonxe da secuencia principal, por exemplo as xigantes ou as superxigantes, a fonte de enerxía máis importante son as reaccións que transforman o helio en elementos máis pesados, principalmente carbono. Se a masa total que intervén na formación dunha estrela é grande, a turbulencia fai que se orixine un sistema múltiple ou, mesmo, un cúmulo de estrelas. A contracción fai que suba a temperatura de cada unha destas condensacións, que reciben o nome de protoestrelas. Cada protoestrela radia unha certa enerxía cara ao exterior, de acordo coa lei da radiación de Planck. A protoestrela contráese cada vez máis e a temperatura aumenta, ata que se empezan a producir no interior reaccións nucleares liberadoras de enerxía. Neste estadio prodúcese unha situación de equilibrio enerxético; a estrela sitúase, no diagrama de Hertzsprung-Russell, nun punto da secuencia principal. A situación de equilibrio acaba cando a estrela consumiu o 10% do seu hidróxeno inicial e todo o seu núcleo central se transformou en helio. As reaccións nucleares empezan a ter lugar e a estrela vaise desprazando no diagrama H-R dende a secuencia principal cara ás rexións superiores da parte dereita do diagrama. Antes de chegar prodúcese a transformación do gas do núcleo nun gas dexenerado. O estado final ao que chega unha estrela ao final da súa vida depende da masa inicial do astro. Cando a estrela ten unha masa inferior a un valor que é aproximadamente 1,4 veces a masa solar, chega a converterse nun astro de dimensións reducidas, pero dunha elevadísima densidade; unha estrela deste tipo recibe o nome de anana branca. No caso contrario, se a masa é superior a ese valor, o astro pasa por unha situación de inestabilidade explosiva, expulsa cara ao espazo parte da súa masa e irradia unhas cantidades inmensas de enerxía; neste caso denomínase supernova. Na tradición oral recóllense ditos como: “Cando contan as estrelas, sempre ganan elas. Estrelas a brillar, nordeste fresco a soprar. Estreliña do luceiro, a da moita claridade; vaise o día, vaise a noite, vaise a baril mocidade. Lúa con cerco, o baixo cheo; estrela no medio, o baixo seco”.
-
estrela anana
Estrela de magnitude absoluta débil. Pode ser branca, se ten unha elevada temperatura superficial, ou vermella, se ten unha temperatura superficial baixa. As ananas brancas caracterízanse por ter unha masa similar á solar e un diámetro similar ao da Terra. Isto último explica que, malia a súa gran temperatura superficial, a magnitude destes astros sexa sempre moi pequena. A súa densidade é moi grande e, no caso de B-Sirius, a compoñente secundaria do sistema binario que constitúe B-Sirius, é 170.000 veces máis grande ca a densidade da auga. As ananas brancas corresponden ao último estadio na vida dunha estrela, en que non hai reaccións nucleares; a estrela vai irradiando enerxía sen ningunha compensación e, xa que logo, vaise arrefriando lentamente. Este proceso pode durar moitos millóns de anos, pero ao final transfórmase nun corpo escuro, que constitúe unha estrela morta. As ananas vermellas son estrelas que pertencen á secuencia principal do diagrama de Hertzsprung-Russell, situadas no extremo inferior.
-
estrela binaria/dobre
Estrela múltiple constituída por dúas estrelas formadas ao mesmo tempo e que orbitan arredor dun centro de gravidade mutuo, en que a materia dunha das estrelas é despoxada e atraída cara a outra estrela que aparece colapsada, feito que produce a emisión de raios X. Entre a metade e dous tercios das estrelas nas inmediacións do Sistema Solar son membros de sistemas binarios. Dúas estrelas que aparecen moi próximas no firmamento forman unha binaria óptica. O termo limítase xeralmente ás estrelas observables como pares só con axuda dun telescopio (binarias visuais). Amais, precísase que a separación do par sexa menor de 20 segundos de arco, se a binaria ten unha luminosidade comprendida entre a segunda e a cuarta magnitude, menos de 5 segundos se o está entre a sexta e a novena, etc.
-
estrela casulo
Estrela na etapa avanzada das xigantes vermellas que se presentan rodeadas por un casulo de materia opaca orixinada pola expulsión de materiais da mesma estrela e que non permite a observación directa ao non irradiar luz delas. Detéctanse pola radiación infravermella emitida dende o casulo. Existe a hipótese de que poidan existir en gran número no Universo e constituír gran parte da materia escura e invisible das galaxias.
-
estrela circumpolar
Estrela que acada a súa culminación inferior polo meridiano dun lugar xeográfico sobre o horizonte do lugar. É visible sempre.
-
estrela da mañá
Venus.
-
estrela de neutróns
Estrela hiperdensa, con máis de mil millóns de toneladas por centímetro cúbico, que está composta por un gas de neutróns dexenerados. Representa o estado final dunha estrela de masa maior ca 8 masas solares. As estrelas chegan a este estado despois de pasar por unha fase explosiva coñecida como supernova. Nos seus inicios unha estrela de neutróns ten limitado o seu campo magnético, que queda reducido a un pequeno espacio, e por tanto ten unha grande enerxía que é irradiada ao espazo dende os polos, feito que provoca a rotación e a emisión de pulsos de radiación electromagnética, polo que neste etapa é coma un pulsar.
-
estrela evolucionada
Estrela próxima á fin da súa vida, cando a maioría do seu combustible está esgotado. Este período da vida da estrela caracterízase pola perda da súa masa dende a superficie en forma de vento estelar.
-
estrela fixa
Calquera dos astros que brilla con luz propia a excepción do Sol.
-
estrela fugaz
Fulgor rápido de luz no firmamento, causado por unha partícula procedente do espacio que arde por fricción ao entrar na atmosfera.
-
estrela fulgurante
Estrela que ten un brillo que aumenta dunha maneira brusca ata un valor que pode ser o dobre do primitivo e que se mantén durante un período moi breve de tempo. O fenómeno das fulguracións só se presenta nas ananas vermellas e parece intimamente relacionado co das novas.
-
estrela hospedeira
Estrela que aparece repentinamente no ceo nocturno e que, ao cabo dun tempo, desaparece. Recibiu este nome dos antigos chineses ata que posteriormente os astrónomos europeos bautizaron a este tipo de estrelas como novas.
-
estrela múltiple
Sistema físico constituído por dúas ou máis estrelas que xiran arredor dun centro de gravidade común.
-
estrela polar/do norte
Estrela da constelación da Osa Menor, situada a unha distancia dun grao do polo norte do hemisferio celeste. É un sistema binario espectroscópico, situado a unha distancia de 300 anos luz da Terra. A compoñente secundaria é unha estrela de novena magnitude, separada doutra compoñente por unha distancia angular de 18’. A compoñente principal é unha estrela superxigante dunha magnitude 2,2. É unha variable cefeida cun período de 3,97 días que ten unha variación de amplitude de 0,2 magnitudes. Por mor do fenómeno da precesión dos equinoccios, os polos celestes describen un círculo no firmamento durante un período de 26.000 anos.
-
estrela T-Tauri
Estrela moi nova, caracterizada por extensas e violentas execcións da súa masa que xa fusiona o hidróxeno, pero non contan cun equilibrio entre a presión gravitatoria e a enerxética. Estas estrelas desprenden po e gas, a través dun vento estelar, que termina por rodealas. Este material liberado forma discos xiratorios que marcan o inicio de sistemas planetarios.
-
estrela variable
Estrela con brillo variable no tempo. Estes cambios de brillo poden ir dende unhas poucas centésimas a máis de 20 magnitudes en períodos que van dunha fracción de segundo a anos, segundo o tipo de estrela variable. Distínguense dúas grandes familias de estrelas variables: as variables intrínsecas, en que a luz varía debido a pulsacións das súas capas externas, e as variables extrínsecas, en que a variación de luminosidade está producida por fenómenos externos á estrela. As variables intrínsecas poden ser: periódicas, se a variación é periódica; semirregulares, se presenta variacións case periódicas; e irregulares, se a variación non presenta ningunha periodicidade. Un dos tipos máis importantes de estrelas variables son as chamadas cefeidas, estrelas masivas que están evolucionando cara á fase de superxigante vermella e sofren unha inestabilidade que as fai pulsar. Existe unha estreita correlación entre o período de pulsación e a súa luminosidade, feito que resulta indicativo da distancia.
-
estrela xigante
Estrela situada na parte superior dereita do diagrama de Hertzsprung-Russell; ten unhas dimensións dun centenar de veces ás do Sol e unha temperatura superficial de 4.000°K a 6.000°K. Os espectros van dende o tipo G5 ao M1, e a súa cor é amarela ou vermella. A causa das súas dimensións elevadas, o seu brillo intrínseco é de cen a mil veces maior ca o das estrelas da secuencia principal que pertencen ao mesmo tipo espectral. Pola contra, a súa densidade é moi pequena. A transformación dun astro nunha xigante vermella ten lugar cando o 10% do seu hidróxeno se transformou en helio. Segundo o modelo proposto por Sandage-Schwarzschild, cando se chega a esta situación o núcleo contráese e quéntase, mentres que a envoltura exterior da estrela se expande e arrefría. Cando a masa inicial dunha estrela é moi grande, as súas dimensións poden volverse moi superiores ás dunha xigante vermella. Estes astros, que están localizados na parte máis alta do diagrama de H-R, reciben o nome de superxigantes.
-
s
f
-
s
f
-
[BÉL]
Insignia de grao militar. A cantidade de estrelas e de puntas de cada estrela varía segundo a gradación.
-
Signo ou representación que indica a condición ou calidade de algo dentro dunha escala.
Ex: Un hotel de tres estrelas. Mercou un frigorífico de dúas estrelas.
-
[NUMIS]
Contramarca habitual nas moedas españolas da Idade Contemporánea. O número de puntas nas estrelas indicaban a ceca de procedencia.
-
Figura formada por un conxunto de puntas ou raias que parten dun centro e coa que convencionalmente se trata de representar unha estrela.
Ex: Con dous triángulos debúxase unha estrela de seis puntas.
-
[BÉL]
-
s
f
Forza descoñecida que supostamente determina o que lle acontecerá a cada persoa. OBS: Normalmente emprégase cos adxectivos boa ou mala.
Ex: Naceu con mala estrela e nunca ten sorte.
-
s
f
Pinta, polo xeral branca, que ten un animal na fronte.
-
s
f
Persoa que destaca na súa profesion, especialmente un deportista ou un artista.
Ex: Converteuse nunha estrela do vodevil. O seu bo xogo fixo del unha estrela do tenis.
-
estrela de David
[HIST]
Estrela de seis puntas que se converteu en símbolo do xudaísmo no s XVI, baixo a influencia de Isaac Lurya. A partir de 1934 os alemáns convertérona en distintivo obrigatorio para toda a poboación xudía, que debían levalo cosido sobre a roupa en teas de cor amarelo. Durante a Segunda Guerra Mundial esta medida estendeuse aos países ocupados polos alemáns. O Estado de Israel adoptouna na súa bandeira.
-
estrela de mar
[ANIMAL]
estrelamar.
Frases feitas
-
Campar pola súa estrela. Ter boa sorte.
-
Deitarse coas estrelas. Ir para a cama xusto despois de anoitecer.
-
Erguerse coas estrelas. Erguerse da cama entre noite e día.
-
Poñer a un polas estrelas. Gabar de máis algo ou alguén.
-
Subir ás estrelas. Querer ou pedir alguén máis do que lle corresponde.
-
Nacer con estrela. Ter sorte na vida.
-
Ter boa estrela. Saír con ben en algo que se realiza.
-
Ver as estrelas. Sentir unha dor moi forte e intensa.
Refráns
- Cando contan as estrelas, sempre gañao elas.
- Estrelas a brillar, nordés fresco a soprar.
- Moitas estrelas a brillar, frío seco vai chegar.