estreliña
(< estrela)
-
s
f
[ANIMAL/ORNIT]
Ave insectivora forestal do xénero Regulus, da familia dos páridos, de 9 cm de lonxitude, co corpo groso, de cores verdes oliváceas nas partes superiores e ocres por baixo, alas escuras con bandas brancas e peteiro moi fino e curto. Caracterízanse por presentar o curuto da cabeza de cores vivas e, algunhas especies, trazos oculares brancos. En inverno poden formar bandos con outros páridos.
-
estreliña caléndula
[ANIMAL/ORNIT]
Ave que presenta un anel ocular de cor branca moi patente e, no caso dos machos, unha mancha de cor rubí no píleo. Aparece, de cando en vez, no N de Europa como ave divagante procedente de Norteamérica.
-
estreliña espida
[ANIMAL/ORNIT]
Ave que presenta unha franxa no centro do píleo, de cor laranxa no macho e amarela na femia, con bordos negros. Tamén amosa unha mancha de cor cinsenta ao redor do ollo escuro. Ten unha distribución paleártica onde aparece, en condicións de clima boreal e temperado, dende as illas Británicas ata Xapón. Na Península Ibérica ocupa as cadeas montañosas máis elevadas da metade norte, a Cordilleira Cantábrica, os Pireneos, o Sistema Ibérico e Central, e está ausente das montañas máis meridionais. Acompaña as árbores ata o seu límite de altura nas montañas; acada os 2.200 m nos Pireneos. Preséntase tanto en bosques subalpinos de coníferas como en carballeiras, faiais e biduerais. Ten o límite occidental da súa distribución nas serras orientais galegas, onde realizan movementos altitudinais ao longo do ano. A Galicia tamén chegan, durante o inverno, aves procedentes do resto de Europa.
-
estreliña riscada
[ANIMAL/ORNIT]
Ave que presenta unha franxa no centro do píleo, de cor vermella no macho e amarela na femia, con bordos negros. Na cabeza teñen a fronte de cor dourada, cunha lista superciliar branca e unha liña ocular negra. Ten unha distribución paleártica occidental e resulta unha ave abundante nos bosques da rexión eurosiberiana e no piso supramediterráneo. A certa altura, nos sistemas montañosos, substitúese pola estreliña espida. Na Península Ibérica a distribución é atlántica e montañosa, na zona mediterránea ocupa bosques de coníferas e en Galicia bosques de frondosas.
-
estreliña sátrapa
[ANIMAL/ORNIT]
Ave que presenta unha patente franxa branca sobre o ollo, o píleo o do macho e o da femia de cor amarela, e unha franxa nas ás pálida. É unha especie propia do S de Canadá, EE UU, México e Guatemala, e compórtase como migradora parcial sen abandonar esta área de distribución norteamericana.
-
estreliña tinerfeña
[ANIMAL/ORNIT]
Ave endémica das illas máis occidentais de Canarias -Tenerife, La Gomera, La Palma e El Hierro- propia de bosques de piñeiros canarios e laurisilvas por riba dos 500 m de altitude.