Estremadura
Antiga rexión do SO de Portugal que se corresponde cos actuais distritos de Lisboa, Setúbal e a metade O do de Leiria. Lisboa agrupa máis da metade dos habitantes da rexión. Ten unha importante industria química, que converteu o esteiro do Tejo nun dos polígonos industriais portugueses máis destacados. Colonia dos fenicios, posteriormente ocupada polos cartaxineses, constituíu unha parte da Lusitania romana co nome de Felicitas Iulia, con capital en Olisipo. Incorporada ao reino visigodo de Toledo (569), conquistárona os musulmáns no 711. Recibiu o seu nome ao ser unha terra estremeira dos territorios sometidos aos musulmáns. Conquistada polos portugueses en 1147, dende o s XVI a súa historia identificouse totalmente coa do Reino de Portugal.