Estudios Gallegos
Estudios Gallegos
Publicación aparecida en Madrid o 15 de febreiro de 1915. Cesou probablemente en decembro de 1916 (nº22). Dirixiuna Aurelio Ribalta e subtitulouse “Revista quincenal de Lenguaje, Finanza, Turismo. Publicada por Aurelio Ribalta”. Inicialmente, tiña unha periodicidade mensual, pero a partir do nº15, quincenal. A súa aparición provocou a toma de conciencia da intelectualidade galeguista da Coruña de cara a configurar as futuras Irmandades da Fala. Contiña informacións da actualidade galega na sección “Crónica Gallega” e artigos sobre cuestións lingüísticas, as seccións literarias “Poetas de hoxe” e “Poetas de onte”, e prosas divertidas no apartado “Repinicos de gaita”.