etnolingüística
(
División da lingüística que estudia a linguaxe e as linguas en relación co comportamento e os grupos étnicos. Existen certos cruzamentos entre esta disciplina e a antropoloxía lingüística ou a sociolingüística, ao trataren as tres cuestións que interesan á etnoloxía, á antropoloxía e á socioloxía. Segundo Giorgio Cardona, etnolingüística é sinónimo de antropoloxía lingüística ou de lingüística antropolóxica. As diferentes denominacións dependen tanto do autor ou escola concreta como da moda terminolóxica imperante nese momento. O xurdimento da etnolingüística supuxo tamén un cuestionamento e superación da tradición glotocéntrica na ciencia lingüística anterior. Estas relacións entre as linguas e os contextos socioculturais son coñecidas desde antigo. Dúas tendencias son de destacar na primeira metade do século en relación coa etnolingüística: en primeiro lugar, a hipótese de Edward Sapir e Benjamin Lee Whorf verbo da relación entre lingua e visión do mundo e, en segundo, a creación do método denominado Wörter und Sachen (‘palabras e cousas’) na tradición xermánica, máis tarde estendido ao resto de Europa. A primeira das hipóteses foi recollida en Galicia na década dos 60 por Ramón Piñeiro nos seus ensaios sociolingüísticos. A segunda foi cultivada por lingüistas alemáns que aplicaron esta metodoloxía a estudios sobre o galego, como Fritz Krüger, quen a partir da década de 1920 publicou diferentes traballos con este perfil. Pouco despois, outros eruditos, como Schneider, Ebeling ou Schroeder continuarían esa liña de estudios sobre ‘palabras e cousas’ con materiais lingüísticos galegos. Na década de 1960, Ramón Lorenzo realizou máis estudios con similar metodolóxica centrados na zona da Maía. Para autores contemporáneos como Gumperz ou Hymes a relación entre lingua e cultura non se pode xeneralizar a todas as culturas ou sociedades. Para eles, o etnolingüista é o estudoso da lingua en relación co conxunto das variables extralingüísticas que identifican a comunicación en canto actividade social, tomando como base a descrición da interacción social. Nesta última versión da investigación etnolingüística estúdianse aspectos como a forma en que as persoas se comunican entre si nun grupo ou comunidade determinada ou cómo as relacións sociais entre esas persoas afectan á súa forma de usar a(s) lingua(s).