etnoloxía
(< etno- + -loxía)
Ciencia que estudia as etnias, pobos e culturas baseándose nos datos proporcionados pola etnografía, para establecer as leis que determinan a conduta, as realizacións e a evolución dun grupo humano ou dunha área cultural. A terminoloxía anglosaxona emprega o termo de antropoloxía cultural. Desenvolveuse como ciencia no s XIX ao separarse da antropoloxía biolóxica, da xeografía humana, da prehistoria e da socioloxía. Non obstante , ten precedentes na obra dalgúns dos xeógrafos gregos da Antigüidade e sobre todo dos mariños e viaxeiros do s XVI. Entre os viaxeiros españois ás Indias, o primeiro que estableceu un método para a recollida dos datos étnicos, culturais, tecnolóxicos e relixiosos foi Bernardino de Sahagún. No s XX desenvolvéronse varias escolas, entre as que hai que destacar, a sociolóxica, baseada no estudo dos grupos humanos e as súas relacións internas; a funcionalista, que estudia as relacións entre cultura e home; a histórico-culturalista, que analiza o proceso histórico de pobos e culturas; a condutista, que se centra no modo en que o individuo e o grupo desenvolve a súa vida; e a estruturalista, que busca definir a estrutura dos feitos humanos para logo interpretar a súa dinámica.