etnometodoloxía

etnometodoloxía

(

s f [SOCIOL]

Rama da socioloxía que estudia cómo a xente organiza e entende as actividades da vida diaria. Estudia as relacións entre as persoas e cómo ten lugar a interacción social. Esta disciplina tense ocupado de aspectos como as relacións entre nenos e adultos, as conversas telefónicas ou as quendas de fala na conversación. Aínda que a linguaxe e as linguas non foron os seus principais focos de interese, as súas observacións sobre cómo se usa a linguaxe nas actividades cotiás foi obxecto de estudo de lingüistas e de sociolingüistas. A corrente orixinouse entre finais da década de 1960 e comezos dos anos 70 na socioloxía norteamericana e contribuíu ao desenvolvemento da análise da conversación na lingüística. Propúxose substituír as técnicas cuantitativas e dedutivas da investigación sociolóxica previa, que destacaba cuestións xerais da estrutura social, por medio de métodos que usaban as persoas mentres estas participaban en interaccións lingüísticas e sociais. A etnometodoloxía destaca de qué xeito os individuos experimentan, interpretan e dan conta das interaccións. Nese proceso, utilízanse datos consistentes en gravacións de conversas espontáneas coas súas correspondentes transcricións. Esta disciplina ten sido tamén definida como unha (micro)socioloxía da vida cotiá, en canto tenta describir as regras que estruturan a vida social no referente ás interaccións entre os individuos. Non se ocupa da orde social en si mesma, senón de esculcar os métodos utilizados polos membros dos grupos humanos para elaborar o seu modelo de vida social. Neste esquema, de corte racionalista, recórrese á interiorización das normas e valores sociais a través dos procesos de socialización. O fundador da disciplina foi Harold Garfinkel. Segundo este autor, os seres humanos son capaces de comprender racionalmente e explicar o seu propio comportamento social, construído e organizado socialmente a través da conversa mediante o establecemento dos diferentes papeis que representamos na vida social. En Galicia, a chegada destas metodoloxías produciuse na década de 1990 a través da investigación sociolingüística realizada nas universidades da Coruña e Vigo, grazas ao labor de estudiosos como Xoán Paulo Rodríguez Yáñez ou Celso Álvarez Cáccamo, entre outros.

Palabras veciñas

etnólogo -ga | etnoloxía | etnolóxico -ca | etnometodoloxía | etnomusicoloxía | etnonimia | etnonímico -ca