Euler, Leonhard
Matemático, físico, enxeñeiro e filósofo. Discípulo de J. Bernoulli na Universidade de Basilea, foi profesor de física e matemáticas na Academia de Ciencias de Rusia en San Petersburgo; traballou tamén na Academia Prusiana de Ciencias de Berlín. Foi membro da Royal Society e da Acadèmie Française des Sciences. Fixo numerosos descubrimentos no campo do cálculo, da xeometría, ou da álxebra, incluso despois de quedar cego. Débenselle moitos teoremas e fórmulas como o de Euler-Lagrange, o teorema sobre as órbitas dos cometas, o teorema sobre os poliedros, a fórmula de Euler ou a introdución das notacións f(x) para as funcións, o número π, o número e como a base de logaritmos, o i para representar a unidade imaxinaria, e o símbolo Σ para a suma dunha serie. Traballou en topoloxía e deulle a forma moderna á xeometría esférica. Integrou a ecuación diferencial lineal con coeficientes constantes, definiu as funcións alfa e beta, denominadas de Euler, e introduciu as ecuacións diferenciais en derivadas parciais. Probou o teorema de adición das integrais elípticas e demostrou que unha ecuación de terceiro grao ten tres raíces. Definiu termos como centro de gravidade, centro de inercia e momento de inercia, e deu as ecuacións diferenciais para definir o movemento xeral dun corpo cun punto fixo, en función das forzas aplicadas. Entre as súas obras cabe destacar Mechanica sive motus scientia (1736), Introdutio in analysim infinitorum (1748), Scientia navalis (1749), Institutiones calculi differentialis (1755), Institutiones calculi integralis (1768) e Lettres à une princesse d´Alemagne (1768-1772).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Basilea -
Deceso
Lugar : San Petersburgo