Eume, comarca do
Comarca administrativa do NO da Comunidade Autónoma de Galicia. Limita ao N coas comarcas de Ortegal (concellos de Mañón e Ortigueira) e Ferrol (As Somozas, San Sadurniño e Neda); ao S coa de Betanzos (Aranga, Irixoa, Vilarmaior e Miño); ao L coa de Ferrol (Fene) e coas rías de Ares e Betanzos; e ao O coa Terra Chá (concellos de Muras, Xermade e Guitiriz). Abrangue unha superficie de 541,3 km2nos que acolle unha poboación de 28.842 h (2001), distribuídos entre os concellos de Cabanas (30,3 km2; 3.292 h), A Capela (58,7 km2; 1.559 h); Monfero (172,5 km2; 2.639 h); Pontedeume (29,4 km2; 8.912 h) e As Pontes de García Rodríguez (250,4 km2; 12.440 h). Dous son os núcleos principais: As Pontes de García Rodríguez, situada a 43° 26’ 55’’ de latitude N e 7° 51’ 25’’ de lonxitude O; e Pontedeume, situada a 43° 24’ 20’’ de latitude N e 8° 10’ 20’’ de lonxitude O, que organizan cadansúa subárea funcional dentro da comarca. A máis extensa é a organizada pola vila das Pontes de García Rodríguez, que inclúe todo o seu municipio, a maior parte do da Capela e incluso algunhas parroquias do límite coas comarcas veciñas. A subárea centrada en Pontedeume está formada polo seu concello e algunhas parroquias de Cabanas, A Capela e Monfero.
Xeografía física
O relevo da comarca do Eume caracterízase pola sucesión dunha serie de chanzos decrecentes en altitude de L a O, dende o límite oriental da comarca ata a ría de Ares. A conca do río Eume drena practicamente a totalidade do territorio comarcal, cortando estas superficies achaiadas nas que se encaixa profundamente e desembocando na ría de Ares. Ademais, existen no territorio comarcal outras dúas unidades xeomorfolóxicas ben definidas, a Serra de Forgoselo na Capela e a depresión das Pontes na área oriental. As superficies achaiadas experimentaron a incidencia erosiva do río Eume que, como consecuencia dos movementos tectónicos, viu descender o seu nivel de base, e por un fenómeno de antecedencia, encaixouse e rexuveneceu en certa medida o relevo. Existen catro niveis de erosión ou arrasamento que se suceden gradualmente dende as terras altas do interior comarcal cara ao mar. O nivel cenital correspóndese cos cumes da dorsal meridiana galega, que na comarca só están presentes nos extremos NL e SL, pois no extremo centrooriental instálase a depresión das Pontes. No NL, o Monte Caxado (As Pontes de García Rodríguez) é o punto culminante do territorio comarcal (756 m), e no SL aparecen o cordal de Moncouso, o Serrón do Lobo e a Serra da Loba, que serven de límite coas comarcas de Betanzos e A Terra Chá; neste sector sitúanse os montes de Pena Pendella (710 m), Candeeiro (706 m) e Pena Cabada (680 m). Este primeiro nivel topográfico é de idade postherciniana e elaborouse durante o período de calma oroxenética que se produciu a finais do Paleozoico. A unha altitude de entre 400 e 500 m aparece outro chanzo relacionado co aplanamento xeral de Galicia, de idade terciaria. O seguinte chanzo sitúase entre os 250 e os 350 m, é de dimensións máis reducidas e a súa formación aconteceu tamén no Terciario, no Mioceno superior. Finalmente, na área próxima ao mar aparece o derradeiro chanzo, moi pouco desenvolvido e formado durante o Cuaternario. Os límites entre os chanzos son bastante netos, mediante un desnivel claro. Danse unhas sucesivas rupturas de pendente dende o nivel de cumes ata o mar. A Serra de Forgoselo é un extenso aplanamento situado entre a depresión das Pontes, ao L, e a caída ao mar polo O. Non se trata dunha auténtica serra, senón dun macizo granítico intrusivo de tipo batolítico que corta as estruturas encaixantes. A erosión deste granito deu lugar á formación de relevos residuais (tors) como a Pena de Auga (605 m) e o Monte Fontardión (667 m). Este macizo serve de divisoria entre os ríos Castro e Grande que se dirixen cara ao O, e o Belelle, que circula cara ao L para encontrarse co Eume. Os bordos deste batolito sufriron un metamorfismo moderado que se traduce nunha serie de filóns endurecidos como o Monte Rocamonde, o Coto dos Gaiteiros ou a área na que se sitúa a presa do Eume. A depresión das Pontes, na área oriental da comarca, é unha foxa tectónica alongada en dirección SL-NO. O fondo da depresión presenta acumulacións cuaternarias procedentes das vertentes baixo as que se sitúan os lignitos, a uns 2,5 m da superficie. Estes depósitos formáronse no Mioceno Superior, durante o Terciario. Os xacementos de lignitos presentan unha potencia media de 100 m, aínda que nalgúns sectores chegan aos 200 m. O fondo plano da depresión ten uns 6 km de longo por 2 km de largo. Finalmente, a ría de Ares correspóndese co eixe central do val do antigo río Eume invadido polo mar. A ría divídese en tres sectores distintos. A cabeceira é unha gorxa fluvial, encaixada entre vertentes pronunciadas que descenden dende o aplanamento dos 400-500 m e se estende ata onde penetra a marea. A segunda parte da ría é máis aberta, con pendentes moito máis suaves. O terceiro sector esténdese ata a punta de Camouco, ao O de Redes. As dúas beiras son disimétricas en canto á altitude e aspecto. No S está a vertente N do monte de Breamo (305 m), en Pontedeume, retocado lixeiramente por cantís mariños. A beira N ábrese nos xistos de Bergondo e presenta unha topografía moito máis suave. Entre os espacios naturais de interese destacan As Fragas do Eume, que se sitúan nun amplo espazo da comarca, nas ladeiras do sector máis encaixado do río (concellos de Cabanas, A Capela e Monfero), e constitúen un dos bosques autóctonos caducifolios máis extensos e mellor conservados de Europa. A comarca do Eume encádrase dentro do dominio climático oceánico húmido, se ben existen tres subtipos climáticos, marcados fundamentalmente pola gradación topográfica. Na área litoral (concellos de Cabanas e Pontedeume), baixo a influencia directa do océano e dos fluxos ciclónicos do NO e abrigada fronte ás correntes perturbadas húmidas do SO, danse os trazos típicos do clima litoral atlántico do NO: suavidade térmica (a temperatura media anual é de 15°C; o mes máis cálido é agosto, con 18,5°C de media, e o máis frío é xaneiro, con 9,5°C) e precipitacións moderadas (recóllese unha media de 1.500 mm anuais, distribuídos en máis de 150 días). As xeadas son excepcionais neste sector costeiro, que rexistra unha seca estival moi acusada entre xuño e setembro. Cara ao interior aparece o clima propio das plataformas occidentais, entre os 200 m e os 500 m de altitude. No litoral descende a aridez estival, aumentan as precipitacións e o comportamento térmico faise máis rigoroso. Presenta unha exposición favorable ao vento húmido do océano debido á ausencia de relevos interpostos entre o litoral e as plataformas de erosión. As temperaturas medias anuais oscilan entre os 11,7°C das Pontes de García Rodríguez e os 13,8°C da Capela. O mes máis frío é xaneiro (8,1°C de media na Capela e 6,6°C nas Pontes de García Rodríguez) e agosto o máis cálido (17,3°C nas Pontes de García Rodríguez e 19,6°C na Capela). As precipitacións oscilan entre os 1.500 e 2.000 mm de media anual e o seu réxime presenta un claro máximo invernal, estación na que se recolle o 39% das chuvias, e unha seca estival, cando só se recolle o 11%. Nas elevacións montañosas da Dorsal Meridiana, nos extremos NL e S comarcais, aparece o clima de montaña, caracterizado por invernos fríos e húmidos e veráns secos de noites frescas, cunhas precipitacións duns 2.000 mm anuais. A neve aparece unhas 20 xornadas ao ano e as xeadas están presentes durante todo ese período.
Xeografía humana
A poboación da comarca do Eume aséntase maioritariamente nas capitais municipais, onde reside un 63%, mentres que o resto do territorio presenta unha escasa ocupación, agás os vales fluviais abertos e as terras baixas do O, próximas ao mar. A evolución demográfica experimentada dende 1887 ata o inicio do s XXI foi expansiva, pasando de 22.275 h a 28.842 h (2001). Pero esta evolución positiva non foi uniforme no tempo, pois conviviron períodos de crecemento con outros de involución. Así, dende 1887 ata 1910 houbo un incremento continuado da poboación, a un ritmo do 0,53% anual, propiciado por un forte crecemento vexetativo que contrarrestaba amplamente a corrente emigratoria cara a América. Entre 1910 e 1920 experimentouse un leve declive demográfico, dun -0,14% anual, que coincidiu co apoxeo do primeiro movemento emigratorio. Ademais, o andazo de gripe de 1918 incrementou significativamente a mortalidade. Dende 1930 a 1960 o cesamento da emigración por mor da crise económica internacional, a Guerra Civil e a Segunda Guerra Mundial, favoreceu un novo período expansivo, cun crecemento medio do 0,72 % anual, de xeito que en 1960 acadou o máximo demográfico con 32.160 h. A seguir inverteuse a tendencia, cun novo auxe emigratorio, tanto cara ao exterior (América e Europa) como cara á área de Ferrol, que coñeceu un desenvolvemento importante da industria naval. Na década de 1960, a poboación comarcal minguou a un ritmo do -0,87% anual. Entre 1970 e 1991 recuperou o crecemento: a explotación dos lignitos para unha central térmica nas Pontes de García Rodríguez a partir de 1976, e a actividade industrial e económica inducida por ela, favoreceu a chegada de inmigrantes ás Pontes e contribuíu a fixar poboación no resto da comarca. O crecemento foi moderado, da orde do 0,08 % anual, pero continuo ao longo desas dúas décadas. Despois rexistrouse un novo descenso demográfico, propiciado polo negativo crecemento vexetativo existente -5,16‰ (1996), froito dunha natalidade moi baixa (5,47‰) e unha mortalidade que, sen ser elevada, a superaba amplamente (10,63‰). A estrutura por idades mostra signos de avellentamento: o 17,08% de poboación ten máis de 64 anos, mentres que os menores de 20 anos só representan o 23,05% da poboación. A distribución por sexos é levemente favorable ás mulleres, que constitúen o 50,55% da poboación.
Xeografía económica
A comarca do Eume presenta unha estrutura económica baseada no sector secundario, como consecuencia da importancia da actividade extractiva e industrial das Pontes de García Rodríguez e da proximidade da área de Ferrol. Ata a creación da central térmica de Endesa, a maior parte da poboación comarcal dedicábase a actividades agropecuarias. O xurdimento dunha forte demanda de man de obra pouco cualificada na empresa eléctrica e na minería, favoreceu que gran parte dos traballadores agrarios cambiasen a súa ocupación principal, aínda que mantiveron o traballo no campo en forma de agricultura a tempo parcial orientada ao autoconsumo para completar as rendas familiares. Só o 7% do territorio comarcal está dedicado a terras de labor, nas que se cultivan fundamentalmente patacas e plantas forraxeiras, mentres que os prados e pastos supoñen o 22,3% da superficie. O número total de cabezas de bovino situábase en 16.500, a gran maioría orientadas á produción leiteira. A gandería porcina tamén conta con certa implantación. A silvicultura é unha significativa fonte de ingresos, pois a extensa superficie comarcal con terras de elevada altitude fai que o aproveitamento forestal das mesmas sexa o máis adecuado; o 25% das terras están dedicadas a este uso, poboadas con especies de crecemento rápido, fundamentalmente piñeiros, pero tamén eucaliptos. En conxunto, as actividades agropecuarias empregan o 14,17% da poboación ocupada da comarca. A industria ten unha presenza transcendental na economía comarcal, especialmente debido á instalación en 1976 da central térmica de ENDESA nas Pontes de García Rodríguez, que explota os lignitos do xacemento existente no fondo da depresión tectónica. Esta empresa induciu ao establecemento de moitas industrias derivadas e afíns, e potenciou tamén o desenvolvemento industrial, comercial e dos servicios. Entre as outras actividades industriais destacan as diferentes empresas que fabrican compoñentes para a instalación de parques eólicos. Outras empresas dignas de mención son as da alimentación, como Lácteos de Galicia en Pontedeume, ou os grupos de distribución alimenticia ao por maior Mauriz en Cabanas e Tojeiro Alimentación nas Pontes de García Rodríguez. O sector da madeira conta con algúns serradoiros e industrias de construción de mobles, que aproveitan os recursos forestais locais. A actividade industrial xeraba o 36,59% do emprego existente na comarca en 1996, sendo a súa implantación moi forte en todos os concellos, agás no de Monfero, onde só emprega o 13% dos traballadores. A construción (8,67% da poboación activa en 1996) é unha actividade que conta cun pulo moi destacado, non só polo importante crecemento edificativo da vila das Pontes de García Rodríguez e dos concellos de Cabanas e Pontedeume, senón tamén pola demanda existente para o levantamento de naves industriais. Os servicios son o sector económico que máis emprego xera, o 40,57%. As vilas das Pontes de García Rodríguez e Pontedeume posúen un sector terciario máis desenvolvido e diversificado. Non obstante , para servicios moi especializados, a poboación acode fundamentalmente á cidade de Ferrol. Os servicios sociais e a Administración Pública (14,44%), o comercio (10,18%) e a hostalería (4,65%) son as ramas que contan con maior implantación. O turismo estival ten moita importancia no concello de Cabanas, na área occidental costeira da comarca. As vías de comunicación máis importantes existentes no ámbito comarcal do Eume son a Autoestrada do Atlántico A-9 (Ferrol-Vigo), que atravesa de N a S o occidente comarcal, ao igual que a estrada nacional N-651, que circula paralela á anterior e conecta Ferrol coa Coruña. As Pontes de García Rodríguez está unida con Ferrol mediante unha vía rápida. A liña férrea de Madrid a Ferrol circula polo occidente da comarca e ten unha estación en Pontedeume.
Configuración comarcal
O río Eume, que atravesa todo o seu espazo de L a O, dá nome á comarca. Malia posuír unha certa unidade natural ao corresponderse o territorio coa conca do río, a comarca preséntase como unha das máis inestables de Galicia, debido á sucesiva superposición no pasado e no presente de diversas circunscricións señoriais, monásticas, civís e económicas, de xeito que as flutuacións na estrutura espacial foron continuas. Esta inestabilidade explícase por dúas razóns fundamentais: a creación do centro industrial e mineiro das Pontes de García Rodríguez, que xerou un núcleo de forte dinamismo económico e organizou unha área funcional propia; e a industrialización da marxe esquerda da ría ferrolá a partir dos anos cincuenta, que reforzou o vínculo dos concellos desta comarca coa cidade departamental, que ademais levou a súa expansión máis alá da súa ría. Ningún centro aglutina os servicios comarcais, e incluso a maior parte dos administrativos localízanse fóra da comarca, en Ferrol e Betanzos, fundamentalmente.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos localizados nesta comarca pertencen á cultura megalítica e entre eles destacan os dolmens de Abelleira (As Pontes de García Rodríguez) e de Espiñaredo (A Capela), as necrópoles de Monte dos Golpes e Monte Puxeiro (Cabanas), e os círculos líticos de As Medoñas e A Mourela, onde tamén apareceu un diadema de ouro. Dos inicios da Idade do Bronce apareceu no enxoval do enterramento en cista da Veiga de Vilavella (As Pontes de García Rodríguez) o primeiro vaso campaniforme localizado en Galicia. Durante a época castrexa a comarca tivo un importante desenvolvemento na súa área occidental, mentres que na oriental son escasos os poboados. Destacan, entre outros, os castros de Centroña (Pontedeume), Centriña (Breamo), Piñeiros (Cabanas), As Modias (Porto) e Ribadeume (As Pontes de García Rodríguez). A presenza romana nesta comarca constátase nos seus castros e na existencia preto de Centroña (Pontedeume) dunha mansión romana con mosaicos, o que levou algúns historiadores a identificar Pontedeume coa vila romana de Pontumio. A primeira noticia escrita sobre esta comarca data de 1270 cando Afonso X o Sabio autorizou os veciños de Pontedeume a construír unha vila con goberno autónomo e dependencia directa do rei, no lugar da Ponte do Eume. En 1371, Enrique II de Trastámara concedeu o señorío da vila de Pontedeume a Fernán Pérez de Andrade o Bo e en 1376 o señorío de As Pontes ao cabaleiro García Rodríguez de Valcárcel, de xeito que desta doazón derivou a toponimia da vila, As Pontes de García Rodríguez. O dominio dos Andrade sobre Pontedeume estendeuse por case toda a comarca do Eume, ao anexionarse moitas terras da Igrexa pola forza. Non obstante , os abusos de poder da familia e os altos impostos cos que gravaban o pobo motivaron a revolta da Irmandade Fusquenlla, dirixida en 1431 por Roi Xordo e que fracasou no seu intento de tomar Pontedeume. Xunto a estas dúas familias, o territorio da comarca do Eume estaba vinculado aos mosteiros de San Xoán de Caaveiro (A Capela) e de Santa María de Monfero. O mosteiro beneditino de Caaveiro fundouse no s X e viviu o seu máximo esplendor entre os ss XII e XVII, tras converterse en Real Colexiata dos cóengos regulares de Santo Agostiño. O mosteiro cisterciense de Monfero fundouse no s X e desde as súas orixes estivo favorecido polo Rei Vermudo II. Destruído tralas invasións normandas, foi reconstruído no s XII e pasou a depender do mosteiro de Valverde, no Bierzo. Desde 1147 dependeu de Santa María de Sobrado dos Monxes e desde o s XVI anexionouse á Congregación de Castela, polo que foi gobernado desde fóra de Galicia. No s XVI os señoríos de Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez pasaron a depender da casa de Lemos, que posteriormente pasou a formar parte da casa de Alba, o que acabou propiciando a decadencia das dúas vilas ao depender estas de familias alleas á comarca. As medidas ilustradas levaron tamén á desaparición dos dous grandes mosteiros do Eume. En 1788 ordenouse o traslado do mosteiro de Caaveiro a Ferrol, aínda que este non se efectuaría ata 1806 e mentres a desamortización de 1835 deixaba sen monxes ao de Monfero. Durante o Antigo Réxime o territorio do Eume repartíase entre as xurisdicións de Caaveiro, Santiago, Monfero, Pontedeume, Betanzos, Callobre, Vilachá, As Pontes de García Rodríguez e Vilalba. Foron a creación dos primeiros concellos constitucionais en 1813 e a división municipal de 1835 os que deron lugar aos actuais concellos da comarca: Pontedeume, As Pontes de García Rodríguez, Monfero, Cabanas e A Capela. En 1925 a parroquia de Caaveiro pasou ao concello da Capela e en 1983 sete das parroquias da Capela pasaron ao concello das Pontes de García Rodríguez.
Patrimonio Cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, da época romana as únicas pegadas son a mansión de Centroña e unha serie de aras aparecidas na ermida de Santa Olaia (As Pontes de García Rodríguez). Da tardoantigüidade consérvanse varios sarcófagos paleocristiáns nos cemiterios de San Vicente do Pontoibo e Ribadeume (As Pontes de García Rodríguez). No eido da arquitectura monástica destacan o mosteiro de Santa María de Monfero, declarado Ben de Interese Cultural en 1931, onde sobresaen a fachada barroca con perpiaños axadrezados e a igrexa, onde son salientables ademais dos sepulcros góticos pertencentes á familia dos Andrade, o retablo pétreo da capela da Virxe da Cela; e o mosteiro de San Xoán de Caaveiro (A Capela), do que só se conserva a igrexa coa fachada e o campanario barroco, pero que aínda conserva a ábsida e o presbiterio románicos e que foi declarada Ben de Interese Cultural en 1975. Entre outras igrexas cómpre salientar San Miguel de Breamo (Pontedeume), declarada Ben de Interese Cultural en 1931; a igrexa barroca do santuario das Neves (A Capela); e San Martiño de Porto (Cabanas). No eido da arquitectura civil destaca o conxunto do centro histórico de Pontedeume, onde se localizan, entre outros, a torre dos Ulloa (s XVII), o pazo do arcebispo Bartolomé de Raxoi e Losada, o convento renacentista de Santo Agustiño (s XVI) e a casa da Cátedra de Latinidade (s XVI); cómpre subliñar tamén a ponte do Eume de orixe medieval. Nas proximidades da vila destacan a fortaleza dos Andrade, situada no outeiro de Leboeiro, declarada Ben de Interese Cultural en 1924, e o castelo da Nogueirosa, declarado Ben de Interese Cultural en 1994. Na vila das Pontes de García Rodríguez hai que salientar as pontes de orixe medieval que dan nome á vila, o conxunto de edificios da rúa Real e a igrexa parroquial (s XVI) na que destaca a bóveda estrelada da nave central. Na arquitectura civil tamén hai que salientar o pazo de Rioboo ou Casa Grande de Rioboo en Cabanas (s XVI). No eido da arquitectura popular destacan os cruceiros do Areal, en Cabanas, e o de San Xurxo de Torres, nas proximidades de Pontedeume, e o medio cento de muíños hidráulicos, algúns deles aínda en uso no curso do Río Castro, no concello de Cabanas. Entre as festas que teñen lugar na comarca destacan a romaría de San Miguel de Breamo, a festa de Nosa Señora da Cela en Monfero, as festas de Santa María en Pontedeume e as da Nosa Señora do Carmo nas Pontes de García Rodríguez. Entre as festas gastronómicas destaca a feira do grelo nas Pontes de García Rodríguez o primeiro domingo de Entroido.