Europa
Heroína grega, filla de Axenor e Telefasa. Cando Zeus a viu xogando na praia de Sidón ou de Tiro namorouse profundamente dela, así que, para lograr o seu amor, metamorfoseouse nun touro branco. A moza encariñouse co dócil animal e subiu ao seu lombo; daquela, o touro ergueuse e meteuse no mar, levando a Europa enganchada nos cornos. Así chegaron a Creta, onde Zeus se uniu a ela a carón dunha fonte e debaixo dun plataneiro, que endexamais volvería perder as súas follas. Ambos tiveron tres fillos: Minos, Sarpedón e Radamantis. Logo Zeus deulle á súa amada tres agasallos -Talo, o autómata que gardaba as costas de Creta contra calquera desembarco, un can que non deixaba escapar ningunha presa e unha xavelina de caza que nunca fallaba- e casouna co rei de Creta, Asterión. Á súa morte, Europa recibiu honras divinas, mentres que o touro se converteu nunha constelación e se colocou entre os signos do zodíaco.