Europa Nostra
Federación europea de organizacións non gobernamentais dedicadas á protección do patrimonio, creada en 1963 baixo a iniciativa de Italia Nostra. Entre os seus obxectivos destacan: espertar o orgullo dos pobos europeos polo seu patrimonio cultural e nacional, a conciencia sobre a súa importancia social e moral, e o coñecemento dos perigos que o ameazan; fomentar o seu coñecemento, estudio, pedagoxía e difusión; facer as recomendacións precisas ao Consello Europeo, aos gobernos nacionais e demais institucións e organismos pertinentes; e apoiar as actividades dos seus membros e asociados, así como promover a realización dos seus obxectivos. Entidade asesora do Consello de Europa, organizou en 1975 o Ano do Patrimonio Arquitectónico Europeo que culminou coa proclamación da Carta Europea do Patrimonio Arquitectónico na que se desenvolveron as liñas esenciais da política de conservación integrada. En 1978 creáronse os Premios Europa Nostra. De carácter anual, constan de tres recoñecementos: a Medalla de Honra recoñece as personalidades que tiveron un labor distinguido no eido do patrimonio; os Premios de Patrimonio supoñen o recoñecemento a unha exemplar restauración; e o Fondo de Restauración Grant concede unha axuda económica para a restauración de propiedades privadas con elementos do seu patrimonio ameazados. En España a xestión e coordinación de candidaturas corresponde á asociación Hispania Nostra, fundada en 1976. Ademais están asociadas as entidades Amigos de Sevilla, Asociación de Amigos de los Pazos (Vigo), Asociación Española de Amigos de los Castillos, Fundación del Patrimonio Histórico de Castilla y León e Real Fundación de Toledo. En España recibiron o galardón, entre outras actuacións, a restauración da Muralla de Lugo (1980), a conversión do mosteiro de San Salvador de Celanova en escola (1983), a restauración do mosteiro de Santa María a Real de Oseira (1989), a restauración e rehabilitación do castelo-torres de Mens (1993), o camiño histórico de Santiago (1993), a rehabilitación da antiga fábrica de curtidos para vivendas en Santiago de Compostela (1994), o plan de rehabilitación interior de vivendas de Santiago de Compostela (1996), a abadía do Pelouro Axeito (1997), a restauración da catedral de Santiago de Compostela (1999) e a rehabilitación do pazo da Torre do Monte de Padrón (2001).