Euskal Herria
Denominación que se lle dá ao conxunto dos territorios de Araba, Be-Nafarroa, Bizkaia, Gipuzkoa, Lapurdi, Navarra e Zuberoa. Administrativamente, Araba, Bizkaia e Gipuzkoa constitúen a Comunidad Autónoma de Euskadi. Navarra (ou Nafarroa) é a Comunidad Foral homónima. Euskadi e Navarra forman parte de España, mentres que Be-Nafarroa, Lapurdi e Zuberoa son parte do departamento francés dos Pyrénées-Atlantiques.
Historia
O único precedente de integración política destes territorios produciuse no 602, coa creación do ducado de Vasconia, que se estendía desde o S do Garonne ata o Ebro, pero as invasións de francos e musulmáns dende o N e S, respectivamente, desartellaron esa unidade a principios do s VIII. No 824 foi substituído polo Reino de Pamplona. Sancho III de Pamplona ampliou as posesións navarras ao S cos condados de Aragón, Ribagorza e algúns territorios de Castela, e ao N coa Gascogne e Toulouse, pero en 1023 fundou o vizcondado de Lapurdi, con sede en Baiona, que cedeu ao seu curmán Lobo Sancho, e entregou a provincia de Zuberoa ao vizconde Guillerme Fort. No s XII o vizconde de Lapurdi cedeu os seus dereitos señoriais ao rei de Inglaterra e Be-Nafarroa e Zuberoa pasaron a depender do ducado de Aquitania. Trala morte de Sancho IV de Navarra en 1076, a asemblea do señorío de Bizkaia desvinculouse dos reis de Navarra e solicitou poñerse baixo a soberanía do monarca castelán, Afonso VI. O mesmo aconteceu en Gipuzkoa, que en 1200 solicitou protección ao monarca castelán fronte aos abusos dos reis navarros; sen embargo, Bizkaia optou por render vasalaxe ao rei de Aragón entre 1245 e 1256, aínda que despois volveu á órbita castelá. A definitiva incorporación do señorío de Bizkaia á Coroa de Castela produciuse no 1379 co ascenso ao trono de Xoán I, señor de Bizkaia por herdanza materna. Polo que respecta a Araba, Afonso VIII de Castela conquistou Gasteiz e Agurain en 1200; o resto do territorio incorporouse á Coroa de Castela en 1332, cando a Confraría de Arriaga nomeou señor seu a Afonso XI. A mediados do s XV o monarca francés ocupou Zuberoa e asinou o Tratado de Ayerre, que someteu o vizcondado de Lapurdi á súa autoridade. En 1512 os exércitos de Castela penetraron en Navarra e conquistaron Pamplona, Saint-Jean-Pied-de-Port e Amaiur. Os territorios navarros ao S dos Pireneos pasaron a depender da Coroa de Castela mentres que os territorios navarros ao N dos Pireneos continuaron baixo o mandato da casa real navarra, que desde o s XVI tamén foi a casa real francesa. Non obstante , a autonomía destes territorios finalizou coa Revolución Francesa, que creou o departamento dos Pyrénées-Atlantiques. Nos territorios españois a presión do carlismo conseguiu manter as súas peculiaridades forais durante o proceso de implementación do estado liberal a mediados do s XIX. Pero, trala Restauración borbónica, en 1876 promulgouse a Lei de abolición dos Foros, que homoxeneizou a administración coa do resto do país. Pouco tempo despois fundouse o Eusko Alderdi Jeltzalea-Partido Nacionalista Vasco (EAJ-PNV 1895). Trala proclamación da Segunda República española elaborouse un estatuto de autonomía para Euskadi que foi aprobado pouco despois do estalido da Guerra Civil (1936) e que permitiu elixir o líder do EAJ-PNV, José Antonio Aguirre, como primeiro lehendakari. A derrota do goberno republicano significou a disolución da autonomía vasca e a supresión das institucións forais en Bizkaia e Gipuzkoa, mentres que se respectaban as de Araba e Navarra. Na década de 1950 creáronse en Euskadi as primeiras ikastolas (centros de ensino primario nos que a actividade escolar se desenvolve integramente en éuscaro). En 1959, dun sector das mocidades do EAJ-PNV xurdiu o grupo terrorista Euskadi ta Askatasuna (ETA). Catro anos máis tarde, nos territorios franceses (Iparralde) fundouse o movemento político Enbata, prohibido polo goberno francés en 1974 por converterse en plataforma do grupo terrorista Iparretarrak (“Os do Norte”). En 1977, o goberno español decidiu a creación do Consejo General Vasco, ao que dotou dun réxime preautonómico mentres se elaboraba a Constitución española de 1978, que estableceu o marco para o desenvolvemento e posterior aprobación do Estatuto de Autonomía de Euskadi (1979) e tamén da Ley de Amejoramiento del Fuero da Comunidad Foral de Navarra (1982). A reivindicación dos nacionalistas vascos ao respecto da unidade da pretendida Euskal Herria, contemplouse expresamente no texto constitucional, que, no que compete ao Estado español, prevé a incorporación de Navarra se así o deciden os seus cidadáns en referendo. Dende a celebración das primeiras eleccións autonómicas en Euskadi en marzo de 1979 o EAJ-PNV obtivo sempre a maioría relativa dos representantes na cámara autonómica, o que lle permitiu encabezar os sucesivos gobernos de coalición que se formaron. En Navarra, pola contra, o EAJ-PNV e os demais partidos do espectro nacionalista vasco nunca conseguiron unha representación máis que testemuñal e os gobernos autonómicos formáronos sucesivamente o PSOE e a Unión del Pueblo Navarro, formación rexionalista vinculada co PP que rexeita calquera interpretación que represente a alteración da personalidade peculiar de Navarra. Malia a recuperación das institucións de autogoberno foral e autonómico, a actividade terrorista dos independentistas vascos acrecentouse ao final do s XX, con atentados dirixidos ao conxunto da poboación.