Eva
Primeira muller, segundo a Xénese, creada por Deus a partir da costela de Adán. Nai de Caín, Abel e Set, as narracións bíblicas tentan expresar a semellanza esencial de Eva con Adán, a súa diferenza e a súa complementariedade. A doutrina paulina sobre o novo Adán que significa Cristo, fundamentou a tipoloxía Eva-Igrexa-María como un paralelo e complemento da tipoloxía Adán-Cristo. Para san Paulo, e logo para os teólogos medievais, a creación de Eva simboliza a creación da Igrexa, que sae do costado aberto de Cristo na cruz. As figuras de Eva e de María representaron os dous papeis que a Igrexa lle atribuíu á muller. Na persoa de Eva, a muller constitúese en culpable da perda do Edén, criatura pecaminosa aliada da tentación, perdición do home. Por unha parte tómase como unha prefiguración da Virxe (María había ser a nova Eva, a virtuosa), e pola outra, como a Anti-Virxe. Na iconografía foi a única figura de espido feminino individualizada na arte cristiá. Non posúe un tipo iconográfico uniforme, aínda que case sempre se representa cun certo aspecto anxelical, cabelos roxos e pel branca, normalmente acompañada de Adán, ambos os dous espidos (xeralmente oculta o sexo coa man ou cunha folla de parra).