Évora
Capital do distrito homónimo, no Alto Alentejo, Portugal, na marxe esquerda do río Xarrama (38.900 h [1998]). É un centro comercial agrícola e manufactureiro. Destacan os seus xacementos de ferro e cobre. De fundación prerromana, foi denominada por Plinio o Vello “Ebora Caerealis” e, tralas Guerras Cántabras (29 a C-19 a C), “Liberalitas Iulia”. Converteuse nun importante centro comercial na vía que unía Scallabis e Pax Iulia, que en época visigoda e musulmá practicamente desapareceu. En 1165 foi conquistada aos musulmáns por Afonso I de Portugal e integrouse no Reino de Portugal, ao ser unha cidade clave para o control do territorio ao S do Tejo. Trala unión dos reinos de España e Portugal, tivo lugar un motín contra Filipe IV (1637), que precedeu á sublevación portuguesa. Do seu patrimonio cultural, declarado en 1986 Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, destacan os restos romanos das murallas, do templo de Diana (s I), das termas e do acueduto, a catedral (ss XII-XIV), o mosteiro mudéxar de São Francisco, o convento dos Loios, a igrexa e o antigo convento dos xesuítas e o conxunto monumental da Universidade de Évora.