examinatio*
Exame de variantes que pode presentar un texto precisado na estemática cando a recensio non permite a elección (selectio) inmediata do texto base. Designa unha das fases da recensio que, xunto coa constitutio textus, representa os dous grandes procesos de toda edición crítica: a primeira ten como fin establecer a filiación das testemuñas; a segunda, máis pragmática, oriéntase cara á fixación definitiva do texto crítico. Á súa vez, a recensio subdivídese en: 1) establecemento das fontes criticae (recolla e análise das testemuñas máis representativas, manuscritas ou impresas); 2) collatio codicum (cotexo das mesmas para determinar as lectiones variae ou variantes); 3) examinatio e selectio destas variantes; 4) elección do texto base. A constitutio textus pode subdividirse en: nova examinatio e selectio de variantes (emendatio ou corrección de erros: ope codicum ou ope ingenii); dispositio textus (grafías, acentuación, puntuación, signos diacríticos, etc); apparatus criticus; corrección de probas. En ambas as dúas fases, a examinatio ten por obxecto detectar dous tipos de variantes: as das testemuñas en relación co seu arquetipo (conxuntivas ou disxuntivas), e as deste en relación co seu orixinal. Cómpre ter en conta que para coñecer a variación é necesario o coñecemento da lectura orixinal, feito que a miúdo só se consegue unha vez analizadas todas as variantes e trazada a filiación das testemuñas. A recensio pon de manifesto a inexistencia de erros conxuntivos entre as testemuñas ou, con mellor fortuna, permite outras veces determinar a súa presencia, así como a filiación entre as distintas ramas do stemma. En calquera caso, a metodoloxía crítica ofrece dúas posibles alternativas: por un lado, a filiación das testemuñas (constitutio stemmatis codicum) e conseguinte reconstrución do arquetipo ou manuscrito transliterado do que, supostamente, deriva toda a tradición dunha obra (método de Quentin, Lachmann, Wolf, Zumpt ou Madvig); polo outro, a elección dun codex optimus ou testemuña que presenta o estado textual máis puro (método de Bédier, Maas, Pasquali ou Barbi). A este respecto, o vello método dos codices plurimi (que presupoñía que a lección correcta viña transmitida pola maioría das testemuñas) considérase obsoleto. Do mesmo xeito, tampouco a antigüidade dun manuscrito (codex vetustior) é indicio indiscutible da súa calidade: recensiores, non deteriores é a máxima coa que Pasquali defende esta tese. Os matices entre ambos os extremos son numerosos, aínda que as dúas posturas son perfectamente lícitas e, en xeral, coexistiron -con preponderancia dunha ou outra- desde a filoloxía humanística do s XIX. Nos casos en que non sexa posible establecer a filiación das testemuñas, a recensio conducirá -a través da collatio e a examinatio- a encontrar as solucións máis idóneas para ese particular tipo de tradición. Dado que non existe un método infalible, o editor tan só pode recorrer a criterios filolóxicos para seleccionar as leccións máis próximas ao orixinal, ben se trate dunha selectio variarum lectionum, ben dunha emendatio ope codicum cando se siga un codex optimus. As actitudes excesivamente conservadoras poden resultar igualmente nocivas para o obxectivo da crítica textual, que non só é transmitir o estado lingüístico dunha única testemuña, senón reconstruír a testemuña que máis se achegue a el. OBS: A grafía <x> representa o son [ks].