exército

exército

(

  1. s m
    1. [HIST/BÉL]

      Conxunto das forzas armadas dun Estado. Pódese enfocar a historia do exército dende un punto de vista técnico, referido ao armamento, á arte da guerra (estratexia, táctica, batallas), ás relacións entre a organización militar e a organización social, á influencia do exército no Estado (militarismo, pretorianismo, servizo militar, guerra), ou ben dende a súa influencia na historia xeral. De feito, a historia dun exército confúndese normalmente coa do Estado correspondente. En xeral, non hai exército que non dependa dun Estado ou soberano, nin Estado ou soberano que non posúa un exército, porque a existencia das forzas armadas é condición de toda soberanía; o grao de cohesión dun Estado ofréceo a idea do grao de control que ten sobre as propias forzas armadas. Na historia institucional dos exércitos non hai unha evolución lineal continua (agás en materia de armamento), senón flutuacións entre tendencias que se suceden ao longo dos séculos. Dende as épocas que os exércitos se pagaron con terras (feudos), ata os momentos que se lles entregaba diñeiro (soldada), ou mesmo cando non se lles pagaba (no caso extremo, o propio combatente levaba víveres, armas, montura e serventes, segundo a súa fortuna, e cobrábase o produto do botín, do saqueo ou do rescate ou venda como escravos dos prisioneiros feitos por el mesmo), algo que variou nas máis diversas civilizacións (Exipto, Roma, Bizancio, Idade Media en Europa). Por outra banda, tamén hai variacións entre as tres maneiras de manter un exército, tal e como aconteceu nos EE UU entre o último terzo do s XVIII ata os comezos do s XX. En certas épocas, as estruturas do exército identificáronse plenamente coas da sociedade e noutras existiu unha profunda desharmonía entre uns e outros. Os combatentes, polo menos os xefes e os oficiais, constituían unha caste hereditaria, ligada ou non á posesión de terras gravadas e á de serventes ou peóns que as traballasen, ou ben se recrutaban entre todas as clases sociais, segundo uns sistemas que, nunha mesma civilización, variaban nas súas diferentes etapas, tanto no antigo Oriente como na Europa medieval e moderna. En certos exércitos europeos do s XIX, a exclusividade nobiliaria nos altos graos, a existencia de dinastías militares, a propiedade particular de réximes e batallóns, as últimas modificacións, etc, lembran a existencia das clases doutros momentos da historia. Deste xeito, os soberanos sempre procuraron que o seu exército fose representativo do país enteiro, en toda a súa eventual variedade étnica, relixiosa ou social; sen embargo, outras veces constituíuse exclusivamente con xente procedente de grupos étnicos ou relixiosos determinados, caracterizados por ser particularmente belicosos, ou leais, ou procedentes de terras pobres de economía de subsistencia, máis rendibles como produtoras de soldados que como produtoras de impostos. Os estados dende sempre procuraron posuír ou ben un exército moi numeroso, onde o custo de manter tantos soldados se compensaba parcialmente gastando o mínimo en cada un deles, ou ben un exército pequeno, ben formado e especializado. As razóns dunha preferencia ou doutra adoitan ser extramilitares: un repentino aumento demográfico, acompañado da desocupación forzosa ou da proletarización de parte da poboación, non acompañado dunha redistribución de terras, da industrialización ou doutras reformas, precedeu a miúdo unha multiplicación de continxentes (Roma despois de Mario, Europa a mediados do s XVII, no último tercio do s XVIII e no primeiro terzo do s XIX, etc). A necesidade de canalizar descontentos contribuíu ao aumento de continxentes e a reformas no propio exército (paso dun exército basicamente voluntario a un exército basicamente forzoso, ou ao revés, diminución ou alongamento do tempo de servicio, rebaixamento da idade mínima necesaria para ser admitido no exército, endurecemento ou enfeblecemento da disciplina, etc). Tanto na Antigüidade como nos tempos modernos, os exércitos estiveron constituídos, ben por estranxeiros, ben por soldados nacionais, ou ben por unha forma de recrutamento mixta. Segundo algúns estudios, o despotismo preferiu os exércitos conformados por estranxeiros, soldados desarraigados que non tiñan nexos de familia nin de veciñanza, mentres que as democracias preferían o recrutamento de soldados nacionais. Así, a Roma republicana, cun exército formado exclusivamente por cidadáns propietarios, pode compararse coa Roma imperial, cun exército proletario formado por romanos e por soldados que proviñan doutras zonas de Italia (ós que se lles concedía unha cidadanía romana, de segunda orde), aos que lles hai que sumar unhas tropas, chamadas aliadas ou mercenarias, conformadas por númidas, galos e iberos. Nas monarquías absolutas europeas, o núcleo permanente dos exércitos estaba constituído en gran parte por estranxeiros (escoceses, irlandeses, suízos, xente de pequenos principados alemáns do S, bretóns, corsos, etc); pola contra, nas repúblicas e monarquías constitucionais dos ss XIX e XX, os exércitos nutríronse exclusivamente de nacionais, alomenos na metrópole (outra cousa son as tropas coloniais, as lexións estranxeiras e as tropas tribais). De feito, existiron tamén monarquías absolutas e réximes totalitarios con capacidade para recorrer á mobilización xeral de nacionais e, sobre todo, en todos os estados, dende a Antigüidade romana ata os tempos actuais, coexistiron sempre dúas clases de exército, con institucións diferentes ou como parte dunha mesma institución: para o exército de conquista, de campañas afastadas, e tamén para as misións de represión interna, consideráronse óptimos os soldados máis experimentados, profesionais, se é posible vitalicios, mellor voluntarios ben pagados, estranxeiros ou nacionais desarraigados, que tivesen como única fidelidade o exército e os seus oficiais, cun código disciplinario severo e con moitos anos de servicio. Por outra banda, para o exército de defensa do propio territorio, considéranse óptimos os habitantes do propio país militarizados provisionalmente polo servicio obrigatorio (universal ou selectivo), naturais da terra pola que loitan, e que en tempos de paz recibiron formación por parte de oficiais en activo ou en reserva. De todos os xeitos, a introdución deste servizo obrigatorio atopou a miúdo unha forte resistencia. Algúns estados empobrecidos ou tributariamente impotentes (España no s XIX, Portugal nos ss XIX e XX) e, moi excepcionalmente, algunha potencia mundial (EE UU na Guerra do Vietnam), empregaron, malia a opinión contraria dos propios militares, esta clase de exércitos en campañas coloniais, con resultados desastrosos tanto en campaña (mortaldade moi superior, cunha mínima eficacia), como na metrópole (protestas contra o goberno, emigración en aumento, propagación de enfermidades exóticas, desmoralización en xeral). Cando, nunha época ou nun país, predominaron as guerras de conquista, en xeral o seu exército tiña carácter permanente, voluntario, pagado -mercenario-. Cando predomina a defensa ou a guerra por cuestión de límites entre países veciños inmediatos, o seu exército tiña carácter nacional, baseado no servizo obrigatorio, non remunerado, da tropa. De feito, estas dúas formas de exército coexistiron, aínda que destacaron alternativamente, segundo a súa importancia e necesidade no momento. Xunto coas lexións romanas do Imperio, de recrutamento teoricamente voluntario, remunerado e a miúdo estranxeiro, existiron as milicias obrigatorias de cidadáns de 17 a 46 anos (ata os 60 anos para o servizo de vixilancia das murallas), nos graos de dilectus (períodos anuais de servizo selectivo), tumultus (mobilización xeral de cidadáns) e evocatio (mobilización total, en casos de perigo extremo, chamábanse por igual a todos, incluso os escravos). Na Idade Media en Europa, a carón do servizo en virtude de obrigación feudal, e a carón de guerreiros profesionais, verdadeiros empresarios da guerra que contrataban os soberanos ou algúns nobres, conservouse o sistema de mobilización xeral de campesiños e cidadáns, convocados mediante o sistema de fogueiras acesas de cume en cume, cun toque de corno mariño antes de realizarse coa campá, para conformar un exército baseado máis na súa unión coa terra que defendían, que na súa relación co soberano.

    2. [BÉL]

      Cada unha das dúas ou tres organizacións que compoñen as forzas armadas dun Estado. A división máis empregada é a que comprende o exército de terra, o exército do aire e a armada, que é como se denominan as forzas navais.

    3. [BÉL]

      Exército de terra.

    4. [BÉL]

      Unidade superior do exército de terra, a máis completa táctica e loxisticamente, e que se compón de distintos corpos do exército como divisións, brigadas intendentes e diversas unidades de armas e de servicios.

  2. s m

    Conxunto das tropas reunidas para o combate.

    Ex: Todos formaban parte do exército que atacou o inimigo.

    Confrontacións: hoste.
  3. s m

    Gran multitude de persoas animais ou cousas, especialmente cando están reunidos para lograr un fin determinado.