Exina
Illa do Golfo Sarónico, pertencente ao nomós de Ática, Grecia, cunha superficie de 137 km2. Está formada por terreo abrupto pero fértil, onde se cultivan cereais, viña, oliveiras e figos. A cidade de Exina é o principal núcleo de poboación e constitúe o centro comercial da illa. Habitada polos mirmidóns, foi conquistada polos dorios e estivo vinculada ao Reino de Argos. Foi un importante porto comercial e cuñou unha moeda que levaba gravada unha tartaruga e que serviu de padrón ouro. Aliouse con Corintio no 458 a C e foi ocupada por Atenas, a súa rival comercial, que instalou nela cleruquías. No s III a C integrouse na Liga Aquea e despois no mundo romano. No s XIX foi capital de Grecia durante a Guerra de Independencia. Durante o s VI a C desenvolveuse unha escultura arcaica caracterizada polo sorriso das súas imaxes. Cómpre salientar as esculturas e as ruínas do templo de Afaia.