explosivo -va
(< explosión)
-
adx
Relativo ou pertencente á explosión ou que a implica.
-
adx
Que produce unha grande impresión ou chama moito a atención.
Ex: A forma de vestir de Antonio é moi explosiva.
-
s
m
[FÍS]
Substancia ou mestura de substancias capaces de producir unha explosión. A reacción explosiva pode ser de oxidación-redución ou ben producida por un grupo explosóforo. Os chineses foron os primeiros en empregar un explosivo: a pólvora negra. Os primeiros documentos que o testemuñan datan do s VII. Introducida polos árabes en Europa, foi estudada e mellorada por Roger Bacon no s XIII, feito que provocou a súa extensión por Occidente ao longo do s XIV. En 1799 Edward C. Howard descubriu o fulminato de mercurio, que se empregou a partir de 1815 en cartuchos. A mediados do s XIX, C.F. Schönbein descubriu a nitrocelulosa (1845), e Ascano Sobrero a nitroglicerina (1846). Posteriormente, en 1864, Alfred Nobel comprobou que a detonación do fulminato de mercurio se transmitía á nitroglicerina, e para estabilizala, en 1866, mesturouna con terra de infusorios. Anos máis tarde foi perfeccionada e deu lugar á dinamita plástica. En 1884, Paul Vieille inventou a pólvora branca e, un ano máis tarde, J.P. Sprengel descubriu as propiedades explosivas do ácido pícrico, que desprazou a pólvora negra como explosivo bélico. Na Primeira Guerra Mundial estendeuse o uso do trinitrotolueno (TNT), descuberto en 1902, tamén moi usado durante a Segunda Guerra Mundial. Atendendo ás características do explosivo, distínguense os explosivos deflagradores ou propulsores, se a explosión é unha deflagración, e os explosivos detonadores, se é unha detonación. Entre os explosivos detonadores cómpre distinguir entre os primarios, que detonan moi facilmente, aínda que en pequenas cantidades, e os secundarios, que precisan dunha explosión previa (producida por un primario) para detonar.
-
adx
[LING]
Aplícase ás consoantes oclusivas que non teñen intensión (ou implosión) e que só constan de distensión ou explosión. Por exemplo, o p de empezar.
-
distancia explosiva
[FÍS]
Distancia máxima á que pode saltar unha chispa entre dous electrodos conectados a unha diferenza de potencial determinada.
-
potencial explosivo
[FÍS]
Tensión mínima que provoca o salto dunha chispa entre dous electrodos ou condutores.