Exposición Regional Gallega de 1909

Exposición Regional Gallega de 1909

Exposición organizada pola Sociedad Liga de Amigos de Santiago celebrada en 1909 en Santiago de Compostela. Inaugurouse o 24 de xullo de 1909 coa presenza do Rei Afonso XIII e de Antonio Maura, e clausurouna o 30 de novembro o ministro de Fomento Augusto González Besada. A súa celebración concretouse nunha reunión celebrada en decembro de 1907, presidida polo cardeal Martín de Herrera que contou coa presencia, entre outros, do alcalde Lino Torre e do reitor da universidade Cleto Troncoso. Acordouse celebrar unha mostra dos produtos industriais e artísticos de Galicia coincidindo co ano santo de 1909. Invitouse tamén a expositores de fóra da rexión. Organizouse nas seccións de Belas Artes, Ciencias Aplicadas e Ciencias Industriais, divididas en diversos sectores. A presidencia honoraria da exposición recaeu no ministro de Fomento A. González Besada e formouse unha xunta central presidida por Pedro Pais Lapido á que pertenceron Eduardo Vilariño Magdalena e Miguel Castro Arizcún como vicepresidentes e Armando Cotarelo Valledor e Máximo de la Riva García como secretarios xerais. A xunta central acordou a publicación dun boletín informativo que tivo unha periodicidade quincenal e que se publicou entre o 25 de xullo de 1908 e o mes de agosto de 1909. Os precedentes da exposición foron as mostras rexionais celebradas en Santiago (1875), Lugo (1877), A Coruña (1878) e Pontevedra (1880), que non acadaron tanta relevancia como esta. A idea orixinaria foi celebrar a mostra no edificio de San Clemente e noutro construído para a ocasión, pero finalmente celebrouse ao pé do paseo da Ferradura, onde se construíron unha serie de edificios dedicados a albergar as distintas seccións, e en San Clemente, onde se instalou a sección de arqueoloxía. A dirección das obras encargouse ao arquitecto Antonio Flórez Urdapilleta e ao seu axudante e director artístico Manuel Gómez Román. O acceso ao recinto expositivo realizábase a través dunha escalinata modernista. O pavillón principal tiña forma de T, o corpo central dedicábase a salón de festas e os dous corpos laterais acollían as seccións de Belas Artes e Ciencias, o acceso realizábase cunha escalinata que remataba nun pórtico cupulado. Recibiron o diploma de honor e a medalla de ouro na sección de Belas Artes, os pintores Viniegra, X. M. Fenollera e J. Garnelo, e o escultor Manuel Ángel. A sección de arqueoloxía estivo dirixida por unha comisión presidida por Antonio López Ferreiro e da que formaron parte, entre outros, A. García Vázquez, A. López Carballeira, T. Blanco Cicerón, X. Fernández Novóa, A. Cotarelo Valledor e P. Pérez Constanti. Expuxéronse obxectos procedentes de diversas épocas, entre outros, aras romanas, relevos románicos, cerámicas de Sargadelos e Talavera, pinturas dos ss XVII e XVIII e xoias de diversas épocas. O pavillón de Industrias estaba detrás do principal e formaba tres grupos modernistas con cinco portas nos extremos e dous corpos semicirculares saíntes e cupulados; foi destruído polo temporal que azotou Galicia en decembro de 1909. Aos lados do pavillón principal situáronse o pavillón do Comité, que acollía ademais das oficinas da exposición os servicios de correos, telégrafo e teléfono, e o de Eléctricas Gallegas, onde se mostraba a maquinaria das sociedades eléctricas. Tiñan planta semicircular e eran de estilo modernista vienés. Na praza principal do recinto erixiuse o pavillón de Máquinas, obra dos mesmos arquitectos, que acollía La España Industrial, e que estaba formado por un corpo central e dúas galerías laterais, tamén foi destruído durante o temporal de 1909. O ministerio de Fomento instalou un edificio construído en estilo renacentista que tiña carácter itinerante e que xa se empregara na Exposición Hispano-Francesa de Zaragoza. Un forte vento tirouno e destrozouno catro días despois da inauguración da exposición. O Centro Gallego de La Habana reproduciu, a menor escala, o seu edificio da capital cubana, obra de Manuel Hernández y Álvarez Reyero e nel expuxéronse produtos industriais galegos de La Habana. A Sociedad de Recreo Artístico e Industrial de Santiago encargoulle a Antonio Palacios a construción dun pavillón, reformado por A. Flórez, con dúas plantas que, ao termo da exposición, foi cedido ao concello e que tivo diversos usos ao longo do tempo. Ademais, cómpre destacar a creación de monumentos de carácter efémero como o conxunto de catro arcos de triunfo construídos polo concello.

Palabras veciñas

exposición | Exposición Compostelana, La | Exposición Filatélica Nacional | Exposición Regional Gallega de 1909 | exposímetro | expositivo -va | Expósito