exposición
(< lat expositiōne)
-
s
f
Acción e efecto de expoñer(se) ou expor(se).
-
s
f
-
Explicación dun tema ou asunto por escrito ou de palabra.
-
Escrito en que se pide ou se reclama algunha cousa, xeralmente presentado a unha autoridade.
-
-
s
f
-
Manifestación pública organizada de produtos agrícolas, industriais, científicos ou artísticos para promover a produción, o comercio e a cultura, e, ao mesmo tempo, estimular o interese público. Poden ser rexionais, nacionais ou internacionais, e especializadas ou xerais. A decadencia das feiras europeas tradicionais debido ao desenvolvemento do comercio internacional, especialmente desde o s XVIII, levou á organización das exposicións internacionais. Estas foron creadas coa finalidade de mostrar o progreso na produción industrial e tiveron un interese comercial baseado na publicidade dos produtos expostos. Non obstante , non foron moi rendibles polo que foron substituídas, en parte, polas feiras de mostras. No s XIX desenvolvéronse tres tipos de exposición, as que pretendían promocionar produtos industriais dunha determinada rexión ou país, as que buscaban a conmemoración dalgún acontecemento histórico e as de carácter universal. No eido das exposicións rexionais organizadas en Galicia cómpre destacar, entre outras, as celebradas en Lugo (1877), A Coruña (1878) e Pontevedra (1880). Ademais, a Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela organizou no mosteiro San Martiño Pinario a Exposición Agrícola e Industrial de Galicia (1858) e a Exposición Agrícola Industrial y Artística de Galicia (1875) e, en 1909, a Sociedad Liga de Amigos de Santiago organizou a Exposición Regional Gallega coincidindo coa celebración do Ano Santo Compostelán. A primeira exposición universal tivo lugar en Londres en 1851 e pretendeu representar a unión do xénero humano mediante a industria. As exposicións universais sinalaron datas importantes no desenvolvemento da arquitectura moderna. Na exposición de Londres de 1851, o pavillón principal encargóuselle ao enxeñeiro sir Joseph Paxton, que construíu o Crystal Palace en ferro e vidro con elementos estandarizados e que podían ser desmontados. O modelo deste pavillón empregouse nas exposicións de Nova York (1853), Múnic (1854) e París (1855). Ata finais de século Londres (1862) e París (1867, 1878) alternáronse na organización das exposicións que, dun xeito máis ou menos oficial, se multiplicaron: Viena (1873), Philadelphia (1876), conmemorativa do centerario da Declaración de Independencia dos EE UU, Sydney (1879), Melbourne (1880), Amsterdam (1883), New Orleans (1885), Copenhaguen, Bruxelas e Barcelona (1888), na que triunfou o modernismo coa construción do parque da Ciutadella e, entre outras obras, o Castell dels Tres Dragons convertido no Museu de Zoologia de L. Doménech i Montaner, e o Arc de Triomf de J. Vilaseca. A exposición de París de 1889 marcou o punto culminante desta evolución e o fin da época do ferro. A obra máis importante e a que levantou as máis encarnizadas discusións foi a torre Eiffel, situada no Champ-de-Mars. Despois de 1889, a arquitectura das exposicións entrou nunha fase ecléctica que se manifestou nas organizadas en Chicago (1889), conmemorativa do cuarto centenario do descubrimento de América, e en París (1900). Este eclecticismo non se superou ata a Exposition des Arts Decoratifs de París (1925), onde participaron todos os grandes arquitectos franceses, entre outros, Le Corbusier (pavillón do Esprit Nouveau), Mallet Stevens (pavillón de turismo) e Tony Garnier (pavillón de Lyon), e estranxeiros, entre os que destacaron Josef Hoffman (pavillón de Austria) e K. Melnikov (pavillón da URSS). Ao longo do s XX as exposicións universais, coñecidas popularmente como Expo, convertéronse en escaparates onde mostrar as innovacións tecnolóxicas e industriais, ademais das culturas dos diversos países alí presentes. En 1923 creouse en París o Bureau International des Expositions (BIE), encargado de supervisar o funcionamento das mesmas. Entre 1900 e 1937 celebráronse as exposicións de Buffalo e Glasgow (1901), Saint Louis (1904), conmemorativa do centenario da compravenda de Louisiana, Liexa (1905), Londres (1908), Bruxelas (1910), San Francisco (1915), con motivo da construción do canal de Panamá, Wembley (1924-1925), Philadelphia (1926), Barcelona (1929), que supuxo a urbanización da montaña de Montjüic e o triunfo do monumentalismo e do noucentisme e onde Mies van der Rohe construíu o pavillón alemán, París (1931), Chicago (1933-1934) e Bruxelas (1935). A celebrada en París en 1937 destacou polo emprego da iluminación eléctrica; nela sobresaíu o mural L’histoire de l’électricité (Historia da electricidade) de R. Dufy e o pavillón de España, no que o goberno republicano presentou obras de grandes artistas, entre os que destacaban P. Picasso co Guernica, A. Miró e J. González. En Nova York (1939-1940) o símbolo da exposición, un rañaceos triangular e unha grande esfera, mostraban a intención de esquecer os estilos históricos e a pretensión de reflectir o mundo do futuro. En Bruxelas (1958) destacou o Atomium, unha estrutura que quería simbolizar unha molécula de ferro. O retorno aos estilos monumentalistas e eclécticos produciuse nas exposicións de Seattle (1962), que pretendían mostrar como sería a vida no s XXI, e Nova York (1964), na que destacaron o pavillón da compañía Bell, obra de W. Harrison e M. Abramovitz, e o da IBM, de E. Saarinen. A exposición de Montréal (1967), conmemorativa do centenario da confederación de Canadá e do 325 aniversario da cidade, sinalou o rexurdimento da arquitectura creadora coa cúpula xeodésica de R. Buckminster-Fuller no pavillón dos EE UU, o pavillón alemán de F. Otto e a proposta de hábitat de M. Safdie. En 1970 celebrouse en Osaka (Xapón) a primeira exposición universal en territorio asiático, que xirou arredor do progreso e a harmonía para a humanidade, planificada por K. Tange. A exposición de Spokane (Washington, 1974) ocupouse dos problemas medioambientais e a de Knoxville (Tennesse, 1982) dos cambios enerxéticos no mundo. En 1984 celebrouse en New Orleans e en 1986 en Vancouver (1986). A exposición de 1992 de Sevilla conmemorou o V centenario do descubrimento de América. Celebrouse na Isla de la Cartuja, na que destacou a construción dos pavillóns de España de J. Cano Lasso e das comunidades autónomas, entre eles o de Galicia, de J. A. Franco Taboada trasladado trala finalización da Expo a Santiago de Compostela; o pavillón de Chile de J. de Sol e de G. Cruz, que acolleu no seu interior un iceberg; e o de Xapón, de T. Ando, construído na súa totalidade en madeira. Ademais, construíronse as pontes da Barqueta, do Alamillo, do Cristo de la Aspiración, das Delicias, do Quinto Centenario e a pasarela da Cartuja. En 1998, a exposición de Lisboa dedicouse aos mares e océanos e nela destacou a Estación de Oriente de Santiago Calatrava, a torre Vasco de Gama e o Oceanario. Baixo o título de Humanidade, Natureza e Tecnoloxía, celebrouse a exposición de Hannover. En España, ademais das exposicións universais de Barcelona e Sevilla, organizáronse, entre outras, a Exposición Histórico-Americana de Madrid (1892) e a Exposición Iberoamericana de Sevilla (1929). No eido das exposicións especializadas cómpre destacar a Exposición Mundial de Pesca (World Fishing Exhibition) que se celebrou en Vigo en 1973, 1985, 1991 e 1997 e que ten previsto celebrarse en setembro de 2003.
-
[ARTE]
Mostra de obras de arte. Pode ser periódica e extraordinaria. As periódicas comprenden todos os tipos de arte e teñen as súas orixes nos salóns franceses. En 1856, por iniciativa do ministerio de Fomento, organizouse a primeira Exposición Nacional de Bellas Artes, que tivo a súa orixe nas mostras organizadas pola Real Academia de Bellas Artes de San Fernando. En 1882 trasladou a súa sede ao Museo de Ciencias Naturales e aos palacios Velázquez e de Cristal no Parque del Retiro. Acadaron un grande auxe no s XIX pero continuaron a celebrarse no s XX malia a aparición doutros canais de difusión da arte como as galerías. Mostraban as diferentes ramas da arte: pintura, gravado, escultura e arquitectura. O máximo galardón era a medalla de honra, ademais das medallas por seccións. Os premios non tiñan contía económica pero si a adquisición de obra por parte do Estado. Foron o medio de difusión da arte académica e oficial. No eido internacional cómpre destacar a celebración dende 1895 da Bienal de Venecia, dende 1851 da Bienal de São Paulo, e dende 1955 da Documenta de Kassel. As exposicións extraordinarias, xa celebradas no s XIX, adoitan ser monográficas, dedicadas a un artista, a unha rexión, a un movemento concreto, ou poden ser convocadas para celebrar un feito ou commemorar algo, e, ás veces, son itinerantes. Cómpre destacar a dedicada a Velázquez, organizada no Museo del Prado en 1990. A primeira exposición colectiva documentada en Galicia celebrouse na Coruña en 1848 e aínda que se dedicaba á pintura estaba aberta a outras artes. Organizouna a Sociedad Artística y Literaria e o seu éxito contribuíu á creación da Academia Provincial de Bellas Artes de La Coruña (1849). As exposicións rexionais, entre outras, as de Lugo (1877), A Coruña (1878) e Pontevedra (1880), e as celebradas en Santiago de Compostela, a Exposición Agrícola e Industrial de Galicia (1858), a Exposición Agrícola Industrial y Artística de Galicia (1875) e a Exposición Regional Gallega de 1909 tiñan seccións dedicadas ás belas artes. Ademais, os artistas galegos acudían ás exposicións nacionais de belas artes dende a década de 1880. Entre as exposicións de arte galega celebradas ao longo do s XX destacan a Exposición de Pintura Gallega organizada en Madrid en 1912, considerada na época como a exposición máis relevante das realizadas pola arte galega ata o seu momento; a Primera Exposición de Arte celebrada na Coruña en 1912 e que se repetiu en 1917 e 1923; a Exposición Regional Gallega de Bellas Artes de 1923 en Santiago; a Exposición de Arte Gallego do Ano Santo Compostelán de 1926; a Exposición de Arte Gallego organizada por El Heraldo de Madrid en 1928 no Palacio del Retiro de Madrid; a organizada en 1929 en Bos Aires; a Gran Exposición Regional de Bellas Artes y Artes Decorativas organizada pola Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago en 1941, e a exposición Artistas Gallegos organizada polo Centro Galego de Bos Aires en 1951, que supuxo a saída da arte galega ao exterior na posguerra. No eido das exposicións periódicas cómpre destacar, entre outras, a celebración dende 1969 da Bienal de Pontevedra, do Certame de Artes Plásticas Díaz Pardo dende 1989, da Mostra Unión Fenosa dende 1989, e da Bienal Laxeiro dende 1993. Máis numerosas foron as exposicións extraordinarias. Entre as monográficas destacan as organizadas pola Caixa de Aforros Municipal de Vigo baixo o título de Grandes Artistas Gallegos e que se dedicaron a autores como a J. Frau (1984), A. Faílde (1986), Molezún (1992) e E. Colmeiro (1994); as organizadas polo Auditorio de Galicia como as de Isaac Díaz Pardo (1991), Carlos Maside (1992) e R. Patiño (1999); as organizadas pola Xunta de Galicia na Casa da Parra, como as de Mario Granell (1997) e Cristino Mallo (1996), e na Casa de Galicia en Madrid, como as de A. Pulido (2000), C. Dapena (2001) e P. Díaz Monterroso (2002); e as organizadas polo CGAC, como as dedicadas a M. Mallo (1993), Laxeiro (1996), L. Nóvoa (1997), L. Seoane (1999-2000), F. Leiro (2000), J. Castillo (2001) e X. Anleo (2002). Entre as exposicións colectivas destacan: Primera Muestra Antológica de Pintura Gallega do Círculo das Artes de Lugo (1960); Plástica Gallega, conxunto de dez mostras organizadas pola Caixa de Aforros Municipal de Vigo (1980-1981); Tempos de pintura (1930-1985). Arte galega contemporánea (1985); Vangardas e Silencios (1988); Revisión dunha década. Arte Galega 1978-1988 (1990); Galicia no Tempo (1991); O proceso abstracto. Artistas gallegos, 1950-1979 (1993); 30 anos no 2000: artistas galegos para o cambio de milenio (1994); Itinere Camiño e Camiñantes (1994-1995); As novísimas. Pintoras galegas (1995); De Asorey aos noventa. Escultura moderna en Galicia (1997); Galicia Terra Única (1997); Arte xove galega, 1978-1998 (1998); e 5000 anos de arte moderna, arte rupestre prehistórica e arte contemporánea galega (1999).
-
Conxunto de cousas expostas.
Ex: Non vimos toda a exposición porque eran máis de mil cadros.
-
-
s
f
[COMUN]
Contacto existente entre unha persoa e unha mensaxe publicitaria, que ten como obxectivo a presentación pública de diferentes produtos para fomentar a súa venda, produción ou comercialización.
-
s
f
[CLIMAT]
Orientación dunha vertente respecto á incidencia dos raios solares ou á circulación dos ventos dominantes, que determinará a súa temperatura e humidade fronte á do contorno.
-
-
s
f
Acción ou circunstancia de estar exposto á acción dun axente.
Ex: As exposicións prolongadas ó sol poden resultar nocivas.
-
s
f
[IND/ARTE]
Cantidade de luz que chega á película ou ao papel fotográfico. Contrólase a través da velocidade de obturación, o reloxo da ampliadora e a abertura do diafragma.
-
exposición automática
[IND/ARTE]
Sistema empregado en fotografía, que permite medir a luz e controlar a abertura e a velocidade de obturación automaticamente para conseguir un nivel adecuado de exposición.
-
exposición extra
[IND/ARTE]
Aumento da exposición durante o positivado nunha área da imaxe que se consegue coa ocultación do resto.
-
exposición múltiple
[IND/ARTE]
Realización de dúas ou máis exposicións nun mesmo fotograma.
-
s
f
-
s
f
[MÚS]
-
Presentación nunha composición musical, dun tema, unha melodía ou un grupo de temas.
-
Primeira presentación, na fuga, do material temático da obra.
-
Primeira das tres partes en que se divide o primeiro movemento da sonata ou os que están vinculados. Consiste na presentación de dous grupos temáticos de carácter contrastivo.
-