expresionismo

expresionismo

(< expresión + -ismo)

  1. s m [ARTE]

    Movemento artístico desenvolvido en Alemaña e no ámbito centroeuropeo entre 1905 e 1933. Como escola representou a consciencia máis evidente dun estado colectivo de inseguridade e temor producido polos cambios e acontecementos que se sucederan no país. Ligado ao Barroco e ao Romanticismo alemán, foi un tipo de renovación do Sturm und Drang. Ideoloxicamente representou a vontade do artista de dominar o mundo exterior, situándoo nun cadro de ideas abstractas que, expresadas, explican o universo todo, prescindindo conscientemente da análise dos feitos reais. O nome dado á escola indica o espírito que expresa na deformación das figuras e dos ambientes, para manifestar a súa tensión e o seu dinamismo interior e comunicar unha crítica cruel e pesimista da sociedade; á vez fai un eloxio da loucura, da morte e da desesperación. No eido das artes plásticas, aplícase o termo expresionismo ás obras de arte ou tendencias que puxeron unha énfase na expresividade, ben do contido ou ben da forma, e que rexeitaron os factores tradicionais e academicistas; deste xeito foron expresionistas, entre outros, El Greco e M. Grünewald; ou aplícase ao movemento vangardista xurdido en Alemaña a comezos do s XX e que exerceu a súa influencia ata os anos trinta. Esta vangarda estivo influída polo expresionismo literario e baseouse nos postulados do romanticismo e do modernismo. Entre os antecedentes máis inmediatos sitúanse V. van Gogh, P. Gaugin e, sobre todo, E. Munch e a súa obra O grito (1893), baseada nas cores violentas e nas distorsións lineais. Os expresionistas alemáns rexeitaron o realismo e o impresionismo e acudiron á arte popular alemana. En 1905 creouse en Dresden Die Brücke, o primeiro grupo expresionista formado por E. Luwing Kirchner, F. Bleyl, E. Heckel e K. Schmidt-Rottluff; en 1906 adheríronse E. Nolde e M. Pechstei; en 1907 L. von Dongen e en 1910 O. Müller. Como o seu nome indica, tentaban ser unha ponte que unira a nova arte coa sociedade. As súas obras caracterizáronse pola aplicación libre da cor e a composición con planos angulosos e dislocados. O grupo trasladouse a Berlín en 1911 e disolveuse dous anos despois. En 1911 formouse en Múnic o segundo grupo expresionista, Der Blaue Reiter, composto por W. Kandinskij, F. Marc, Al. Kubin e G. Hünter, ao que se lle engadiron P. Klee e A. Macke. O tratamento libre da forma e da cor de Kandinskij provocou a ruptura da perspectiva clásica e o paso á abstracción. Trala paréntese da Primeira Guerra Mundial xurdiu un novo grupo expresionista, Neue Sachlichkeit, dirixido por O. Dix e G. Grosz e baseado no pesimismo existencial. Fóra de Alemaña, cómpre destacar a J. Ensor, O. Kokoschka, G. Roualt e M. Chagall. Perseguido polos nazis, que o consideraban unha manifestación da Entarte Kunst, rexurdiu trala Segunda Guerra Mundial. En España, o expresionismo tomou un carácter social e destacaron, entre outros, J. Gutiérrez Solana, B. Palencia e P. Cossío. A partir do expresionismo xurdiron o expresionismo abstracto e o tachismo. Na literatura, o antecedente máis claro do expresionismo está en F. Nietzsche polo carácter literario e poético das súas obras filosóficas nas que vai evidenciar os elementos básicos desta corrente na narrativa, poesía e teatro: defensa da irracionalidade e do instintivo contra o pensamento racional e abstracto. A xuízo de Nietzsche e doutros escritores expresionistas, fronte á linguaxe conceptual cómpre reivindicar a metáfora, que expresa mellor o carácter irracional e vital da realidade; os conceptos matan a vida, as metáforas recréana mellor. Scheler teorizará sobre o movemento e, dalgunha maneira, F. Kafka, aínda que dun xeito indirecto, simpatizará co expresionismo; o mesmo acontece con B. Brecht, expresionista nos seus primeiros dramas. No cine, o expresionismo comeza a manifestarse con Das Kabinett des Doktor Caligari (O gabinete do doutor Caligari, 1920), de Robert Wiene, que deu orixe a unha escola cinematográfica caracterizada pola importancia dos decorados e a iluminación, por un estilo interpretativo estilizado e por unha temática constituída por elementos fantásticos ou terroríficos. Destacados mestres do expresionismo alemán foron F. W. Murnau con Nosferatu, eine Symphonie des Grauens (Nosferatu, unha sinfonía do medo, 1922) e Der letzte Mann (O derradeiro home, 1924); Fritz Lang, con Der müde Tod (A morte cansa, 1921) e Die Nibelungen (Os Nibelungos, 1923-1924); Arthur Robinson, con Schatten (Sombra, 1923), e G. W. Pabst, con Der Schatz (O tesouro, 1923). A música expresionista acadou o seu esplendor no período de entreguerras. Caracterizouse pola deformación das técnicas tradicionais na busca dunha melodía practicamente irrecoñecible e dunha harmonía máis disonante e sofisticada. Manifestouse como un movemento renovador na obra de A. Schönberg, A. Berg e A. Webern. Estes interesábanse máis pola expresión e polo xesto que polo aspecto formal da linguaxe. Prescindiron da tonalidade como principio construtivo e utilizaban os instrumentos en función do propio timbre. Entre os compositores que escribiron obras expresionistas destacaron R. Strauss, F. Schreker, P. Hindemith, E. Křenek e Weill. No apartado dramático e teatral os antecedentes máis claros son obras tan singulares como Woyzeck, de Georg Büchner. Fronte ao positivismo e ao realismo, este movemento, enriquecido coas achegas de Frank Wedekind ou Oskar Kokoschka, procurou potenciar a subxectividade na expresión e explorar as zonas máis escuras da mente e da alma humana. Deste xeito abriron a escena a temáticas consideradas tabú, como as relacións sexuais, e optaron sempre por unha defensa radical da liberdade, moitas veces exercida cunha considerable violencia verbal ou visual. Autores como August Strindberg, Karl Hauptmann, Ernst Toller, Eugene O’Neill ou Bertolt Brecht, apostaron por unha liña creativa que destacou polo compromiso crítico co seu momento histórico. En Galicia este movemento, tan transcendental na escrita de Valle-Inclán, a penas tivo transcendencia no plano teatral e só habería que destacar algunhas das achegas de directores de escena, como Antonio F. Simón, co espectáculo O veloiro, ou unha boa parte da produción do Teatro da Mari-Gaila, dirixido por Xulio Lago.

  2. expresionismo abstracto [ARTE]

    Corrente da arte abstracta que se desenvolveu dende a década dos corenta na denominada escola de Nova York. As súas orixes sitúanse no surrealismo e na abstracción de W. Kandinskij e A. Gorky, e na influencia que exerceron os pintores europeos instalados nos EE UU por mor da Segunda Guerra Mundial. Aínda que os seus membros cultivaron unha arte baseada na expresión xestual e na liberdade da pincelada, non tiveron unha unidade estilística pois foi unha arte libre sen normas e sen canons a seguir. Nos EE UU coexistiron dúas tendencias, por unha banda, a pintura xestual, o Action Painting, de J. Pollock, R. Motherwell e F. Kline; e pola outra, a baseada nos campos de cor, representada, entre outros, por M. Rothko, B. Newman, A. Reinhardt e C. Still.

Palabras veciñas

expresable | expresar | expresión | expresionismo | expresionista | expresividade | expresivo -va