Eyck, Jan van
Pintor flamengo. Foi un dos fundadores da primeira escola flamenga e un dos primeiros en empregar a pintura ao óleo nunhas obras que se caracterizaron pola súa minuciosidade. Non se coñecen datos da súa formación. En 1422 trasladouse á Haia, onde foi pintor de corte e axudante de cámara de Xoán de Baviera, conde de Holanda, ata 1424. Dende 1425 e ata a súa morte foi pintor da corte de Filipe III, duque de Borgoña, e cara ao 1430 trasladouse a Bruxas. Nesta primeira época realizou miniaturas e as dúas táboas da Crucifixión e do Xuízo Universal. En 1432 pintou o políptico de A adoración do Cordeiro Místico na catedral de Sint Baafs (Gante) obra que, segundo unha inscrición, foi iniciada por Hubert van Eyck (?-1426?), o seu irmán, aínda que existen investigadores que negan a súa existencia e a dobre autoría. Os seus retratos son realistas e neles amosou unha preocupación pola representación dos rostros humanos. Da súa produción destacan, entre outras obras, O home do turbante vermello (1433), Giovanni Arnolfini e a súa dona (1434), coñecido como O matrimonio Arnolfini, A Virxe do chanceler Rolin (1435?), A Virxe do cóengo Van der Paele (1436) e O cardeal Nicolò Albergati (1435?).
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Maaseyck -
Deceso
Lugar : Bruxas