Fabra i Poch, Pompeu

Fabra i Poch, Pompeu

Gramático e lexicógrafo. Estudiou enxeñería industrial e ocupou a cátedra de Química na Escola de Enxeñeiros de Bilbao. Con todo, dedicouse ao estudo do catalán e á difusión da corrección da lingua; así, publicou Ensayo de gramática del catalán moderno (1891) e Contribució a la gramàtica de la llengua catalana (1898). Formou parte da revista L’Avenç, dende a que promoveu a reforma ortográfica, con Jaume Massó i Torrents e Joaquim Casas i Carbó, que publicaron o seu Sil·labari català (1904) e un Tractat d’ortografia catalana (1904), e participou no Primer Congrés Internacional de la Llengua Catalana (1906). Lingüisticamente, a súa obra máis sólida é a Gramática de la lengua catalana (1912). Trasladouse a Barcelona, onde foi nomeado profesor da cátedra de Catalán e membro da sección filolóxica (1911) do Institut d’Estudis Catalans (IEC), da que máis tarde foi presidente (como o foi tamén do IEC), e director da área lexicográfica do mesmo. Participou activamente nas Normes ortogràfiques (1913), que contiñan a parte esencial da ortografía defendida polo grupo L’Avenç e que serviron para a elaboración dun Dicionari ortogràfic (1917). A segunda etapa da reforma foi a estritamente gramatical: publicou a Gramàtica catalana (1918), centrada, sobre todo, na morfoloxía, e adoptada polo IEC como oficial. Preocupado polo asentamento da gramática e da ortografía no ensino, redactou o Curs mitjà de gramàtica catalana (1918). A terceira etapa foi o Dicionari general de la llengua catalana (1932), que recollía, sobre todo, o vocabulario básico para desenvolverse en catalán. En 1939 exiliouse e residiu en París, Montpellier e Prada. En literatura, publicou as traducións de La intrusa, de Maerterlinck, e Espectres, de Ibsen. Postumamente, publicouse a súa Gramàtica catalana (1956), baixo o coidado de Joan Coromines.

Cronoloxía

  • Nacemento

    Lugar : Barcelona

  • Deceso

    Lugar : Prada, Barcelona