estaño
(
-
s
m
[QUÍM]
Elemento metálico do grupo IV A da táboa periódica, de número atómico 50 e peso atómico 118,69, moi dúctil e maleable, pouco duro e pouco resistente á tracción, que presenta tres variantes alotrópicas enantiótropas. Normalmente actúa con número de oxidación +2 e +4, malia que tamén se pode presentar con -4. O metal ordinario, estaño branco ou estaño β (Snβ), medianamente duro pero moi maleable, cristaliza no sistema tetragonal, obtense por solidificación do estaño fundido e é metaestable. A variedade β transfórmase en estaño gris ou estaño α (Snα), cúbico e moito menos denso, se se arrefría enerxicamente. A transformación reversible comeza a producirse a 13°C, pero a súa velocidade no sentido α→β é case nula ás temperaturas ordinarias da natureza. Debido á súa escasa densidade, o estaño α aumenta de volume e pulverízase. Quentando o estaño β (t>161°C) obtense outra variedade enantiótropa, o estaño fráxil ou estaño γ (Snγ), ortorrómbico, que se pode pulverizar facilmente a marteladas e que funde a 232°C. O comportamento químico e as propiedades físicas do estaño son propias dun metal, pero o potencial normal correspondente á reacción Sn→Sn 2+ +2e - , que é de -0,14 V, sitúa o seu débil poder redutor e o achega a certos metaloides, como o silicio. O estaño resiste perfectamente a acción do aire, seco ou húmido. Os ácidos diluídos atácano moi pouco a temperatura ambiente. O ácido clorhídrico concentrado e quente disólveo rapidamente, igual ca os ácidos nítrico e sulfúrico, entre outros. En cambio, non pode ser atacado por compostos alcalinos. Ademais do derivado de hidróxeno, en que posúe o grao de oxidación -4, coñécense dúas series de derivados, os compostos estannosos (Sn 2+ ) e os estánnicos (Sn 4+ ). Raro en estado nativo, o estaño preséntase, sobre todo, en forma de óxido; o seu mineral máis importante é a casiterita (SnO 2 ). Concéntrase o mineral pulverizado por selección magnética, seguida dun lavado acuoso, e, se é necesario, sométese a unha fusión alcalina que permite a recuperación do tungsteno. O produto que se obtén, o estaño negro, que contén un 75-85% de SnO 2 , é reducido a 1.200°C polo carbón. Unha parte do estaño permanece nas escouras, que se recicla como un mineral; sométese o estaño bruto que se obtén (99%) a unha licuación, a unha temperatura lixeiramente superior á da fusión do estaño (232°C), que elimina o ferro e, finalmente, á acción oxidante dunha corrente de aire, que elimina as impurezas restantes. O metal que se obtén deste xeito ten unha pureza do 99,9% e, ás veces, afínase electroliticamente. O valor e a rareza do estaño fan da súa recuperación unha operación remuneradora. Debido á súa inalterabilidade e á súa resistencia á corrosión, emprégase para a protección de certos metais, como o cobre e o ferro. Na industria alimentaria utilízase baixo a forma de tubos ou de láminas e tamén para a fabricación da latas, que absorben máis da metade da produción do estaño. Na industria eléctrica úsase para estañar fíos condutores. Pulverizado, en solución coloidal e xuntamente ou non co seu óxido, o estaño emprégase como vermífugo e para combater a furunculose. Tamén serve para fabricar numerosas aliaxes, sobre todo bronce e antifrición. Aliado con chumbo, permite obter diferentes metais para soldaduras.
-
cloruro de estaño(II)/cloruro estannoso
[QUÍM]
Sólido cristalino, de aparencia graxa, soluble en auga e nos disolventes orgánicos máis correntes. Obtense por acción, en quente, do ácido clorhídrico concentrado sobre o estaño. Entre outras aplicacións, emprégase en tinturería como axente redutor.
-
cloruro de estaño(IV)/cloruro estánnico
[QUÍM]
Líquido incoloro caústico que se obtén por acción do ácido clorhídrico sobre o estaño. Emprégase como mordente en tinturería.
-
óxido de estaño(II)/ óxido estannoso
[QUÍM]
Pos de color marrón escura, insolubles en auga e alcohol, e solubles en ácidos e en solucións alcalinas concentradas. Obtense quentando o hidróxido estannoso (Sn(OH) 2 ), e emprégase como axente redutor e na preparación de sales de estaño.
-
óxido de estaño(IV)/óxido estánnico
[QUÍM]
Cristais octaédricos, existentes en estado natural en forma de casiterita, que se pode obter baixo a forma de pos brancos amorfos por oxidación do estaño polo ácido nítrico e quentando o produto que así se obtén. Emprégase na obtención de colorantes para a cerámica.
-
sulfuro de estaño(II)/sulfuro estannoso
[QUÍM]
Sólido en forma de escamas amarelas (se se obtén por acción do ácido sulfhídrico sobre un sal estánnico) ou de pos marróns (se o sal que se emprega é estannoso), insoluble en auga e en solucións alcalinas e soluble nos ácidos clorhídrico e sulfúrico concentrados. Emprégase como catalizador de reaccións de polimerización e para broncear obxectos de xeso.