FAI

FAI
Nome científico: [Federación Anarquista Ibérica]

Organización que tentaba reunir todos os grupos anarquistas da Península Ibérica, constituída clandestinamente en xullo de 1927 en Saler (València). Foi produto da iniciativa do Segundo Congreso da Federación de Grupos Anarquistas de Lingua Española en Francia (Marseille, maio de 1926) e inicialmente agrupou parte desta federación, a Federación Nacional de Grupos Anarquistas de España e a União Anarquista Portuguesa. Propúxose asegurar o contido ácrata da CNT mediante a creación de comités coa participación mixta de membros da FAI e da CNT. Nos primeiros anos da República non conseguiron reunir todas as tendencias anarquistas existentes; quedaron fóra o grupo de La Revista Blanca e o grupo Nosotros. Tampouco foi fácil manter a unidade interna, por mor do frecuente distanciamento entre as federacións rexionais. Malia todo, acadou un amplo acordo na oposición ao grupo anarcosindicalista que dirixira a reorganización da CNT en 1930-1931, os denominados trentistas (Pestaña, Peiró e Juan López). A loita entre os trentistas e a FAI acabou coa conquista dos cargos directivos da CNT por faístas, e a posterior escisión dos sindicatos de oposición. O grupo Nosotros (os anarcobolxeviques Durruti, García Oliver, Ascaso e Sanz), que xa implicara a FAI e a CNT en diferentes intentos revolucionarios en 1931-1932, conseguiu dirixir a FAI e promoveu os fracasados movementos insurreccionais de xaneiro, marzo e decembro de 1933, e ditou a abstención nas eleccións de novembro dese mesmo ano. Estes sucesivos fracasos agudizaron dentro da FAI a oposición aos anarcobolxeviques por parte dos anarquistas máis ortodoxos. Ao iniciarse a Guerra Civil, o colaboracionismo político no goberno da República, fixo estalar unha nova crise cando algúns sectores tentaron que a FAI asumise a representación política do sindicalismo cenetista. Finalmente, unificouse de feito coa CNT, e ao final da guerra pasou a formar parte do Movemento de Liberación Español. Os seus principais órganos de prensa eran Tierra y Libertad (Barcelona), Nosotros (València) e El Libertario (Madrid). Tras subsistir como unha das ramas do movemento libertario no exilio, reapareceu no interior de España en 1977.
A FAI en Galicia
Os primeiros grupos vinculados á FAI xurdiron en 1931 en Ferrol, A Coruña, Betanzos e Sada. No outono de 1933 o Comité Regional Galaico (CRG) representaba a 17 grupos anarquistas distribuídos en Pontevedra, Sada, Betanzos, Santiago de Compostela, Chapela, Tui, A Guarda, Vigo (2), Lugo, Ferrol (3) e A Coruña (4), cunha afiliación algo superior aos 150 militantes. As súas actividades tiveron dúas facetas: a de acción propiamente dita e a de propaganda ideolóxica e divulgación cultural. A primeira faceta estivo vinculada ao desenvolvemento dos comités de defensa nos principais sindicatos da CRG, concibidos como elementos de autodefensa naqueles conflitos que tiñan un desenlace que comprometía a supervivencia da organización sindical, como as folgas dos pescadores de Vigo e Moaña e os conflitos da construción na Coruña e do transporte en Ferrol. A segunda, tentou levar adiante un cobizoso plan de difusión das ideas ácratas nos medios proletarios e xuvenís, mediante unha rede de centros de estudios sociais ou ateneos libertarios, constituídos en diversas vilas e cidades. Reorganizado logo de outubro de 1934, o Comité trasladou o seu secretariado a Ferrol. A partir de 1935 a FAI galaica desenvolveu unha influencia crecente na CRG debido a un importante crecemento de efectivos, que ampliaron o seu activismo ás bisbarras viguesas, onde funcionou un comité comarcal, ferrolá, de Vilagarcía, do Morrazo e contando, mesmo, con presenza en Valdeorras e na capital ourensá. Así mesmo, entre 1935 e 1936, os faístas alentarán un voceiro oficioso, o quincenario Brazo y Cerebro, editado na Coruña.