Faílde Gago, Antón
Escultor. Aprendeu o oficio de canteiro en Piñor, onde transcorreu a súa infancia. Con dezaseis anos trasladouse a Ourense para estudar na Escola de Artes e Oficios, onde foi profesor de modelado e baleirado (1940-1956). En 1934 obtivo unha bolsa da Deputación para ampliar os seus estudios como alumno libre na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando de Madrid durante ano e medio. En 1949 fixo a súa primeira exposición en Ourense e, ao ano seguinte, expuxo en Vigo no Foto-Club, mostra que serviu para o seu descubrimento como escultor. En 1951 participou na exposición colectiva da arte galega organizada pola Galería Velázquez de Bos Aires e, dous anos despois, realizou unha individual na que acadou un grande éxito e o recoñecemento da crítica, apoiada polos intelectuais galeguistas da época. Desde 1956 dedicouse a traballar nas numerosas encargas que recibiu de particulares e organismos públicos, sobre todo de estatuaria pública. Ao mesmo tempo, realizou numerosas exposicións tanto en Galicia (Caixa de Aforros de Vigo, 1973 e 1979) como en Madrid (na sala da dirección xeral de Belas Artes en 1960; Sala Goya do Círculo de Bellas Artes en 1968) e participou en mostras colectivas (Bienal Hispanoamericana de Barcelona, 1956). A súa traxectoria artística está marcada de forma nítida por unha constante, a súa raizame nunha tradición galega de carácter popular. Nas obras da mostra de 1950, aínda que abundaban as referencias ao mundo románico, xa comezaba a interesarse pola vida cotiá, co gusto por unha estética de corte primitivista chea de lirismo, que reducía a formas moi elementais e esquemáticas, apoiadas nunha técnica onde primaban as formas e estrutura do material. Esta liña permitiulle ser considerado un continuador da chamada escola galega de F. Asorey e Eiroa Barral, na que primaban a rusticidade do material e a adaptación ao marco. Realizou obras de diferente temática e soporte: relevos relixiosos (epifanías e viacrucis) e profanos (nenos, campesiños cos trebellos de labranza e animais); grupos exentos de peregrinos, nenos cantores, deusas primitivas e nais con fillos; e estatuaria pública. Foi membro da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando dende 1957. A súa obra está espallada en diferentes coleccións particulares e públicas, entre outras, as do Museo Municipal Quiñones de León de Vigo e o Parador Nacional de Tui.
Cronoloxía
-
Nacemento
Lugar : Ourense -
Deceso