Falange Española

Falange Española

Agrupación política fundada por José Antonio Primo de Rivera, xunto con Ramiro Ledesma Ramos e Julio Ruiz de Alda, nun acto celebrado no Teatro de La Comedia de Madrid o 29 de outubro de 1933. En 1934 tivo lugar a fusión coas Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (JONS), o que deu lugar á FE de las JONS. Adoptaron como simboloxía a bandeira vermella e negra, co xugo e as frechas tradicionais dos Reis Católicos, e a camisa azul. O seu ideario político quedou establecido coa aprobación pola Junta Política -especie de gran consello ao estilo fascista- dos 27 puntos, nos que propugnaban un Estado nacional-sindicalista centralizado, non parlamentario, cunha sólida estrutura militar disposta para lanzar unha ofensiva “imperialista”; e rexeitaban a Constitución republicana, a existencia de partidos, o capitalismo e o marxismo. Posuía unha milicia propia, unha organización estudantil (Sindicato Español Universitario, SEU) e outra sindical (Central Obrera Nacional-Sindicalista, CONS). Trala condena a morte de Primo de Rivera (fusilado en novembro de 1936) e tras un período de enfrontamentos internos, o Decreto de Unificación de abril de 1937 articulou a fusión cos carlistas de Comunión Tradicionalista; este feito converteu a Falange Española Tradicionalista y de las Juntas de Ofensiva Nacional-Sindicalista (FET y de las JONS) no partido único do novo réxime, baixo a autoridade nacional do xeneral Francisco Franco. Articulou a ideoloxía do réxime e creou os sindicatos verticais que substituían calquera posibilidade de organización da clase obreira. A organización falanxista foi perdendo peso na estrutura administrativa do Estado ata que a lei orgánica de 1966 estableceu un novo marco para o asociacionismo. A morte de Franco representou a extinción da FET oficial e a legalización das agrupacións FE de las JONS e FE independente, ambas extraparlamentarias.

Palabras veciñas

faladoiro -ra | falador -ra | Falamos | Falange Española | Falange Española | falangueiro -ra | falansteriano -na