Farándula, A
Grupo de teatro creado en Vigo por Eduardo Hernández Rúas. Nel formáronse actores, directores ou escenógrafos como Avelino González, Cándido Pazó, Xoán Goberna, Miro Magariños ou Carlos Alonso. Entre os seus espectáculos cómpre citar Burla e realidade de Sancho (1975), con textos de varios autores; O Catecismo do Labrego (1976), creado a partir da obra de Valentín Lamas Carvajal; Recital de poesía escenificada (1977); A corte miragreira (1978), sobre un texto de Domingo Mirás; I érase unha vez (1980), sobre textos de varios autores; Animación na rúa (1981); Tres pezas curtas (1982), con textos de Čekhov; ou Arroutadas (1983). Participou e promoveu diversas iniciativas para a normalización da vida teatral, entre as que hai que salientar as tentativas de crear unha compañía estable de teatro.