farmacoloxía
(
Ciencia que estudia as propiedades das drogas e os seus efectos sobre os organismos vivos. Estudia todas aquelas substancias que modifican as estruturas e as funcións da materia viva a todos os niveis de organización. A farmacoloxía pódese dividir en dúas ramas, a cualitativa e a cuantitativa. A farmacoloxía cualitativa ten como obxecto descubrir a acción e as propiedades das drogas sobre as estruturas, células, órganos, organismos, aparatos, etc. A busca destas actividades, mediante tests específicos, denomínase screening. A farmacoloxía cuantitativa establece a relación efecto-dose. As substancias farmacolóxicas teñen que experimentarse antes de chegar aos medicamentos que se empregan na curación das enfermidades humanas, dos animais ou dos vexetais, e este é o campo da farmacoloxía clínica, que se refire aos efectos das drogas que se empregan como tratamento de enfermidades, de cómo actúan, cáles son os mecanismos de acción, o metabolismo, a toxicidade, as indicacións terapéuticas e a posoloxía.