farmacopea

farmacopea

(

s f

Código de medicamentos que cada Estado declara oficial e obrigatorio e que recolle as normas oficiais de preparación, ensaio, dispensación, etc, dos medicamentos e, cada vez máis, os estándares de calidade, identidade e actividade das substancias medicamentosas de uso máis común. Este código é redactado e revisado periodicamente por unha comisión científica. Co desenvolvemento da farmacia apareceron diversas farmacopeas a partir do s XVI. Os estados máis avanzados teñen farmacopea propia, nalgúns é publicada con periodicidade e regularidade, como na Gran Bretaña a British Pharmacopoeia, e nos EE UU a USP que se edita cada cinco anos, e noutros aperiodicamente. A primeira farmacopea hispana foi Concordie Aphotecariorum Barchinonensium, que se publicou en Barcelona en 1511, segunda do mundo, superada en antigüidade soamente por Nuovo Receptario (1498). A primeira farmacopea española obrigatoria para todo o Estado foi Pharmacopoeia Matritensis (1739). En 1865 apareceu a primeira Farmacopea Oficial Española, reeditada diversas veces. Houbo intentos de crear farmacopeas válidas para diversos estados. Este é o caso de Suecia, Noruega e Dinamarca, coa súa Farmacopea Nórdica; ou a OMS, coa Farmacopea Internacional que, polo feito de non ter carácter obrigatorio, non é unha verdadeira farmacopea; e a da UE, coa Farmacopea Europea, de carácter obrigatorio para os estados membros da Unión Europea.