farnelo
(< lat farīna)
Herbácea do xénero Chenopodium, da familia das quenopodiáceas, de ata 200 cm de altura, follas rómbicas dispostas de xeito alterno, pecioladas e sen estípulas caracterizadas por presentar na súa superficie, especialmente no envés, unha pulverulencia fariñenta. É unha planta anemófila de flores hermafroditas ou femininas, de dúas a cinco pezas no perianto e dous estigmas; son moi pequenas e pouco vistosas, e producen froitos en aquenio. Florecen a finais do verán, momento en que liberan na atmósfera gran cantidade de pole polo que constitúe un importante elemento alerxénico para o home. En Galicia están presentes as especies: Ch. album, Ch. bonus-henricus, Ch. botrys e Ch. murale. Tamén se denomina fariñeiro, fariñento, fariñón e farnento.