Farnese

Farnese

Liñaxe nobre italiana da rexión de Tuscia, orixinaria do castelo de Farnese (Lacio), os seus membros desde 1545 ostentaron o título de duques de Parma. Fundada no s X, o primeiro membro coñecido foi Pietro Farnese (s XII), señor de Farnese, conde de Orvieto e comendador da cabalería pontificia. O seu descendente Ranuccio Farnese o Vello (s XV), señor de Farnese, Montalto e Ischia di Castro e senador romano iniciou unha política de alianzas matrimoniais que permitiu o ascenso social da súa familia, protexida do Papa Uxío IV. O seu neto Alessandro Farnese (1468-1549), fundador da biblioteca Farnese, foi desde 1534 papa co nome de Paulo III. En 1545 converteu en ducados as cidades de Parma e Piacenza e cedeullas ao seu fillo Pedro Luís Farnese (1490-1547). Posteriormente destacaron Alessandro Farnese , duque de Parma (1545-1592) e militar ao servizo da Coroa de Castela; Ranuccio I de Parma , duque de Parma (1646-1694), reformador da administración do ducado e artífice da ampliación dos territorios de Parma cos ducados de Campli e Altamura, e os señoríos de Montechiarugolo, Colorno e Sala (1612); e Isabel de Farnese , casada con Filipe V e nai de Carlos III e Filipe I de Parma. O último descendente directo da liñaxe por liña masculina foi Antonio I de Parma , duque de Parma entre 1727 e 1731.