Farsalia

Farsalia
[LIT]

Poema épico-histórico latino, en hexámetros, de Marco Anneo Lucano. De grande elaboración retórica, describe a guerra civil entre César e Pompeio. Componse de 10 libros, pero parece que Lucano pensaba escribir outros dous máis e finalizar o poema coa morte de César. Pénsase que foi composto en dous períodos distintos: os 3 primeiros libros, centrados nos comezos da guerra civil (dun xeito relativamente favorable a César), serían escritos antes do seu enfrontamento con Nerón, e os 7 restantes, de tendencia republicana, publicaríanse postumamente. O título orixinario da obra era Belli civilis libri decem, pero con posterioridade recibiu o nome de Pharsalia (‘Grecia’), cidade onde tivo lugar a batalla en que César venceu o seu inimigo. É unha obra anticlásica e innovadora (vinculada ao movemento estoico), xa que desde o comezo intenta renovar a épica e impor un novo estilo rompendo coas convencións do xénero que estaban fixadas desde Homero e Virxilio. Tense debatido se o xénero do poema é historia, retórica ou poesía. Ao elixir un tema histórico recente contradí o paradigma da poesía épica clásica e os principios teóricos enunciados por Aristóteles. O fatum (‘fado’) dos estoicos herda parte das funcións atribuídas aos deuses e mitos da épica tradicional; nega a necesidade de modelos gregos para un poema que considera especificamente romano e converte o home en único responsable dos seus actos. Os acontecementos explícanse de forma racional; é o propio pobo romano o que conduciu a Roma a súa situación de decadencia coa corrupción e as discordias civís. Rompe coa épica heroica e achégase a unha épica italiana, con menos tradición, que extrae os seus temas da historia recente dos pobos peninsulares, con numerosos elementos fantásticos e marabillosos. Tamén rompe coa concepción épica virxiliana ao non presentar un heroe unívoco. Das tres figuras que poderían considerarse heroes -César, Pompeio e Catón-, parece profesar maior simpatía por este último; sen embargo, hai tamén quen considera que o verdadeiro heroe do poema é algunha das personificacións abstractas, como a Libertade ou o Destino.

Palabras veciñas

Fārs | farsa | farsada | Farsalia | Farsalia, Batalla de | farsálico -ca | farsante