fase

fase

(< gr φάσις‘manifestación’)

    1. s f

      Cada un dos estados sucesivos polos que pasa unha cousa durante o seu desenvolvemento.

      Sinónimos: estadio, período.
    2. s f [ASTRON]

      Cada un dos aspectos baixo os que se observa o disco brillante dun corpo celeste, especialmente da Lúa e dos planetas. Cando un corpo celeste ten a parte non iluminada dirixida cara á Terra non é visible e dise que está na fase nova. Cando se observa unicamente unha parte do disco iluminada, e esta parte vai aumentando cada día, dise que está na fase crecente, e se, pola contra, esta diminúe, chámase minguante. Se o disco do corpo celeste se observa perfectamente redondo dende a Terra, dise que o astro está na fase chea. A Lúa e os planetas inferiores poden presentar todas estas fases, pero os planetas superiores só se poden presentar na fase crecente ou chea.

    3. s f [BIOL]

      Cada un dos estados sucesivos polos que pasa un organismo vivo durante o seu desenvolvemento.

    4. s f [LING]

      Cada un dos tres momentos articulatorios característicos de calquera emisión fónica da fala: intensión, tensión e distensión. Ás veces, poden chegar a coincidir parcialmente a fase distensiva dunha articulación coa fase intensiva da seguinte.

    5. s f [PSIC]

      estadio.

    6. fase escura [BIOQ]

      Conxunto de reaccións do proceso de fotosíntese que poden ter lugar en ausencia de luz.

    7. fase estacionaria [MICROB]

      Período polo que pasa un cultivo de microorganismos, trala inoculación do medio, no que practicamente non hai crecemento. A súa duración depende principalmente da natureza e concentración das células, da composición do medio e da temperatura.

    8. fase exponencial [MICROB]

      Período de crecemento dun cultivo de microorganismos, posterior á fase estacionaria, no que o aumento do número de células é constante e máximo.

    9. fase luminosa [BIOQ]

      Conxunto de reaccións do proceso de fotosíntese que necesitan luz para poder ter lugar.

  1. s f [FÍS]
    1. Cada unha das magnitudes sinusoidais dun sistema polifásico.

    2. Cada un dos condutores dunha liña ou aparello polifásico ou dos bornes correspondentes.

  2. s f [QUÍM]

    Parte dun sistema formada por un número calquera de compoñentes, homoxénea e cuns límites ben determinados que as separan das outras partes do sistema e do resto do universo. A noción de fase xeneraliza a de estado físico (sólido, líquido e gasoso) e permite distincións máis sutís. Os compoñentes dun sistema son as substancias que o integran e os constituíntes son as diferentes fases que o forman. Se só hai unha fase o sistema é homoxéneo, e se hai máis dunha é heteroxéneo. O paso da fase sólida á líquida denomínase fusión, o da líquida á sólida, vaporización, e o da sólida á gasosa, sublimación. Estes cambios de fase son progresivos, e os cambios en sentido contrario denomínanse regresivos e correspóndense coa lidificación, licuefacción e solidificación, respectivamente. En sistemas dun só compoñente os cambios de fase seguen dúas leis, denominadas leis de cambios de fase, a primeira di que a unha presión exterior determinada o cambio progresivo e o cambio regresivo correspondente teñen lugar á mesma temperatura; e a segunda, que nun cambio progresivo o sistema absorbe unha cantidade de calor por unidade de masa, chamada calor de cambio, e no regresivo desprende a mesma cantidade de calor, se os cambios teñen lugar á mesma presión exterior. En particular, cando en sistemas dun só compoñente coexisten dúas fases en equilibrio, a enerxía libre molar das dúas fases é a mesma. Deste feito dedúcese a ecuación de Clapeyron, que permite prever feitos como a posibilidade de fundir xeo por presión. Adóitase representar as diferentes fases dun sistema dun só compoñente mediante un diagrama, chamado diagrama de fases ou diagrama de equilibrio, no que as curvas indican as condicións (p, T) nas que hai equilibrio entre dúas fases. Estas curvas corresponden aos estados dos sistemas monovariantes (dúas fases en equilibrio) e separan as zonas dos sistemas bivariantes (estabilidade dunha soa fase). O punto onde se cortan é o chamado punto triple, e indica as condicións de presión e temperatura en que coexisten as tres fases do sistema. A curva de vaporización acaba no punto crítico. En sistemas de máis dun compoñente, acádase o equilibrio entre fases cando o potencial químico de cada compoñente é o mesmo nas diferentes fases. Estas condicións fixan uns graos de liberdade do sistema, de xeito que o número V dos que non están fixados, número chamado varianza, depende do número de compoñentes C e do de fases P, segundo a regra das fases: V=C-P+2. Coa axuda desta regra, enunciada por J. W. Gibbs en 1875, constrúese o diagrama de fases ou de equilibrio para cada sistema. No caso dos sistemas de dous compoñentes ou sistemas binarios, o diagrama completo esixiría tres dimensións. Os sistemas líquido-líquido clasifícanse fundamentalmente en dous tipos: sistemas non azeotrópicos, cun aumento regular do punto de ebulición ao variar a composición do sistema por enriquecemento no compoñente menos volátil; e sistemas azeotrópicos, que presentan un punto de ebulición máximo ou mínimo. Os sistemas sólido-líquido pódense clasificar en: sistemas non eutécticos, que forman unha serie continua de disolucións sólidas; e sistemas eutécticos, que presentan o fenómeno de eutexia. O estudo dos puntos eutécticos ten un grande interese na metalurxia. No caso dos sistemas de tres compoñentes ou sistemas ternarios, unha forma corrente de diagrama é o diagrama triangular, no que cada compoñente puro vai representado por un vértice dun triángulo equilátero. Cada lado representa un sistema binario e os puntos do interior do triángulo, sistemas ternarios.

  3. s f [MAT/FÍS]

    Argumento das funcións sinusoidais (seno ou coseno), dependentes do tempo, especialmente cando se consideran nas formas u=Usen(ωt+φ) e u=Ucos(ωt+φ). Emprégase para describir a elongación dun movemento harmónico ou o valor dunha magnitude variable en corrente alterna. Dúas magnitudes u 1 e u 2 variables periodicamente co mesmo período, están en fase cando en cada momento as dúas teñen a mesma fase; no caso contrario presentan unha diferenza de fase ou desfasamento e dise que están desfasadas. Cando están desfasadas π radiáns dise que están en oposición, e cando o desfasamento é de π/2 radiáns dise que están en cuadratura. O valor da fase no instante t=0 denomínase fase inicial.

  4. fase tectónica/de dobramento [XEOL]

    Conxunto de manifestacións tectónicas que afectan a unha rexión xeolóxica e que se poden separar en tempos.

Palabras veciñas

fasco | fascolártido -da | fascullo | fase | Faselis | faseoláceo -a | faseolar