estadio

estadio

(

  1. s m [METROL]

    Medida de lonxitude grega equivalente a 180 m, aproximadamente.

  2. s m [HIST]

    Construción pública da antiga Grecia dedicada á celebración de carreiras e xogos atléticos. Cunha distancia de 125 pasos xeométricos, tiña forma rectangular, cun extremo recto e o outro en forma de hemiciclo onde se situaban os xuíces; nos laterais había bancadas para o público.

  3. s m [DEP]

    Recinto deseñado para a celebración de manifestacións deportivas, especialmente competicións de atletismo. En sentido estricto o recinto tería que incluír unha pista regulamentaria de atletismo (de 400 ou 300 m) e todas as instalacións precisas para a preparación dos atletas e a acomodación dos espectadores. Non obstante , tamén son estadios construcións en que, polas súas dimensións, non resulta posible habilitar pistas de atletismo, principalmente as dedicadas a acoller partidos de fútbol.

  4. s m
    1. Período que se observa no desenvolvemento dun fenómeno.

      Sinónimos: fase.
    2. [PSIC]

      Período no desenvolvemento intelectual e afectivo do ser humano. A psicanálise, partindo de zonas erotóxenas, describe cinco estadios afectivos fundamentais: o estadio oral (primeiro ano de vida), no que o pracer, localizado ao redor da boca, se obtén polo acto de mamar; o estadio anal (segundo e terceiro ano), en que o interese se traslada ás funcións de expulsión de excrementos; o estadio fálico (cuarto e quinto ano), caracterizado pola prevalencia dos órganos xenitais (pene e clítoris), pola tendencia á masturbación e polos desexos incestuosos, e en que se produce a angustia da castración e o complexo de Edipo, nos rapaces, e a envexa do pene e o complexo de Electra nas rapazas; o estadio de latencia (desde os cinco ou seis anos ata a pubertade), durante o que a pulsión sexual se mitiga por influencias socioculturais (familia, escola, relixión, etc); e o estadio xenital (durante a pubertade), no que a sexualidade aparece xa en forma adulta. Non se deben entender estes estadios rixidamente porque se poden superpoñer ou variar segundo os individuos. Jean Piaget, ao analizar o desenvolvemento intelectual do infante, establece diversos estadios madurativos e agrúpaos en períodos: o da intelixencia sensorio-motriz (ata os dous anos), o pre-operacional (ata os sete ou oito anos), o das operacións concretas (ata os once ou doce anos) e o das operacións formais (ata os quince ou dezaseis anos). Tamén se denomina fase.

Palabras veciñas

estadea | Estadea | estadía | estadio | Estadio | estadista | estadística