Fátima

Fátima

Localidade do distrito de Santarém, Portugal (6.000 h [1980]). As orixes da vila están nas presuntas aparicións da Virxe María na Cova da Iria a tres pequenos, de entre 10 e 7 anos de idade: Lúcia de Jesus Santos e Francisco e Jacinta Martos. Segundo o seu relato, a primeira aparición tivo lugar o 13 de maio de 1917; os tres nenos videntes declararon que, dende a primavera de 1916, un anxo os visitara 8 veces. Segundo eles, a Virxe indicoulles que as aparicións se sucederían durante 6 meses o día 13 de cada mes. A Igrexa estudiou con cautela os testemuños, pero xa en 1918 se erixiu unha capela na cova de Iria. Trala destrución dese primeiro templo por unha bomba, construíuse unha gran basílica (1928-1953). En 1930, a Igrexa declarou as aparicións marianas de Fátima “dignas de creto” e pasou a converterse nun dos principais centros de peregrinación cristiá.