Fauno
Semideus romano, neto de Saturno. Venerado no Palatino, asimilouse a Pan ou aos sátiros gregos. Como divindade benfeitora, velaba pola fertilidade dos campos e pola fecundidade dos rabaños. Na súa honra celebrábanse as Lupercalia, festas ligadas aos ritos da fecundidade. Nun comezo, consitían nunha procesión de lupercos, que se celebraba o 15 de febreiro; co tempo, evoluíu cara a un ritual en que os mozos daban a volta ao Palatino, vestidos só cunha pel de cabra, e flaxelaban con correas de coiro as mulleres que atopaban para atraer a súa fecundidade. Na Eneida, Virxilio relaciónao cos antigos cultos itálicos e coa orixe de Roma; outros autores vincúlano aos ritos da Bona Dea que, convertida en serpe, foi posuída por el. Adoita representarse barbudo e co corpo cuberto cunha pel de cabra. Entre outros, destacan o Fauno danzando, atribuído a Praxíteles, o Fauno Barberini (s III a C) e a Casa do Fauno de Pompeia. Na mitoloxía tradicional deu orixe aos faunos, divindades menores que presidían os traballos rurais, con corpo de home e cornos e gadoupas de cabra.