febreiro
(< lat februarĭu)
Segundo mes do ano que conta con vinte e oito días nos anos comúns e vinte e nove nos bisestos. No calendario romano era o duodécimo e derradeiro mes do ano, que se dedicaba aos ritos purificatorios, denominados februalia e consagrados ao deus Februus, do que derivou o seu nome. Celébrase neste mes a festividade das Candelas, polo que se denomina tamén mes da Candeloria, e San Blas. Ademais é o tempo das xeadas, da poda da viña e da sementeira do liño, pero especialmente é o momento de agardar ao redor do lume da lareira. Na tradición oral recóllense ditos como: “A chuvia de febreiro fai o palleiro. Cando chove por febreiro, todo o ano é temporeiro. Cando non chove en febreiro, non hai bo prado nin bo lameiro. Febreiriño curto, cos seus días vinteoito; se dura máis catro, non queda can nin gato, nin ratiño no burato, nin ovella rabela, nin pastor para ir con ela, nin cornos no carneiro, nin orellas ao pegureiro. Febreiro, sete capas e un sombreiro”.
Refráns
- A castaña e o besugo en febreiro están en zugo.
- Abrígate por febreiro con dúas capas e un sombreiro.
- Cando febreiro non febreirea, marzo marcea.
- Come máis pan un día de sol de febreiro, que os cabalos de todo o reino.
- Come máis un día de sol en febreiro, que cantos cabalos ten o reino.
- En febreiro bo é o obreiro, e mellor ao derradeiro.
- En febreiro saca o boi do teu centeo.
- En febreiro sae o oso do oseiro.
- Febreiriño corto, cos seus días vinteoito; se dura máis catro, non queda can nin gato, nin ratiño• no burato, nin ovella rabela, nin pastor para ir con ela, nin cornos no carneiro, nin orellas ao pregoeiro.
- Febreiriño febras dá e, se non as dera, xa as dará.
- Febreiro camiseiro, nin boa meda nin bo palleiro.
- Febreiro curto cos seus días vinteoito, se duras máis catro, non quedaba can nin gato, nin rato no burato.
- Febreiro curto cos seus días vinteoito, se duras máis catro, non quedaba can nin gato, nin rato no burato.
- Febreiro curto, o peor de todos.
- Febreiro louco, sacou o seu irmán e apedreouno.
- Febreiro, cabriteiro.
- Febreiro, cebadeiro.
- Febreiro, febras de frío e non de liño.
- Febreiro, inda que curto, é o peor de todos.
- Febreiro, se te capas e un sombreiro.
- Febreiro, xeada na leira e cachopo na lareira.
- Polo san Matías xa cantan as cotovías.
- Polo san Matías, marzo aos cinco días.
- San Matías anda co Entroido ás porfías.
- Se febreiro non febreirea, marzo marcea.