febre
(< lat febre)
-
[PAT]
-
s
f
Elevación anormal da temperatura do corpo a causa dun trastorno na súa regulación. O control da temperatura corporal é función dalgúns centros cerebrais que se localizan no hipotálamo; esta misión realízana grazas a un sistema de retroacción negativa que se compón de tres elementos esenciais: primeiro, os receptores que advirten da temperatura a nivel do sistema nervioso central; segundo, os mecanismos capaces de producir efectos vasomotores, de modificar a secreción da suor e o metabolismo; e terceiro, as estruturas integradoras que determinan se a temperatura é demasiado alta ou demasiado baixa, e que activan, en consecuencia, os mecanismos mencionados. A temperatura normal pode variar, segundo os individuos, entre os 35,8°C e os 37,2°C, medida na boca cun termómetro clínico. A determinación rectal ou nun ambiente moi caloroso ou durante un exercicio intenso elévase normalmente de 0,5°C a 1°C. A temperatura corporal acada, doutra banda, o valor máis elevado entre as 18 e as 20 horas do día. Os mecanismos polos que se produce a febre relaciónanse coa acción de substancias denominadas piróxenas endóxenas, que se producen diante de agresións contra o organismo, e cos propios axentes causantes da agresión, como as endotoxinas. A temperatura é un bo indicador do estado do organismo e, por iso, ten unha importancia clínica notable para avaliar a gravidade, o curso e a duración dunha enfermidade, así como o efecto do tratamento. Temperaturas superiores aos 41°C poden producir convulsións; se superan os 42°C poden determinar danos cerebrais irreversibles; e por riba dos 44,5°C son mortais. A febre pódese acompañar de malestar xeral, dor de cabeza, fotofobia, artralxias, debilidade e dores musculares, arrepíos, herpes labial, delirio e convulsións; determina tamén un aumento do metabolismo, aproximadamente do 13% sobre o nivel basal por cada grao de elevación da temperatura. A febre denomínase intermitente cando cada día baixa ata a normalidade e ao día seguinte volve subir, e se este ascenso é moi alto, a febre recibe o nome de héctica ou séptica; remitente, cando a febre baixa cada día pero sen chegar á normalidade; mantida, cando practicamente non experimenta ningunha variación ao longo do día; recorrente, cando se producen períodos curtos de febre intercalados entre un ou máis días sen presenza de febre. Ás veces, a febre está producida voluntariamente polo propio paciente, neste caso coñécese como febre facticia. A miúdo, un enfermo pode presentar febre coma un síntoma único ou máis preeminente durante semanas ou ata meses sen que se poida descubrir a causa, e constitúe un problema diagnóstico que se coñece como febre prolongada ou febre de orixe descoñecida. O tratamento da febre é, habitualmente, o da enfermidade causal; aínda que se a temperatura é demasiado elevada, pódese baixar con medios físicos, como baños de auga ou compresas de alcohol, ou con medicamentos que se denominan antipiréticos ou antitérmicos. OBS: Tamén se denomina hipertermia ou quentura.
-
febre aftosa
Enfermidade vírica do gando, fundamentalmente do bovino e do ovino, que se pode transmitir ao home, ben por contacto directo, ben por inxestión do leite destes animais. No home produce trastornos gastrointestinais, febre intensa e aftas na boca.
-
febre álxida
Febre que comporta dores difusas, como cefalalxias ou mialxias, ou ben localizadas.
-
febre amarela/de Siam
Enfermidade vírica aguda e febril que se transmite pola picadura dos mosquitos da especie Aedes aegypi. É orixinaria de África occidental e endémica en moitos lugares de América tropical e África, aínda que, ás veces, se pode volver epidémica e difundirse noutras rexións. Caracterízase pola dexeneración adiposa do fígado e conxestión das mucosas do estómago e intestinos. Despois dunha incubación de 2 a 15 días, a enfermidade comeza a manifestarse mediante arrepíos, cefalalxia, frío, dor na rexión lumbar, aumento da febre e vómitos de cor vermella ou negra que se deben á presenza de sangue.
-
febre botonosa
Febre exantemática do litoral mediterráneo, causada por unha rickettsia que se transmite por medio dun carracho de can. Maniféstase como unha enfermidade aguda febril, con cefalea, mialxias, exantema maculopapular e unha lesión de inoculación que aparece como unha mancha negra. OBS: Tamén se coñece co nome de enfermidade de Olmer.
-
febre cuartá
Febre palúdica producida polo Plasmodium malariae, en que os accesos febrís sobreveñen ao cuarto día e se separan por dous días de apirexia.
-
febre das Montañas Rochosas/purpúrea americana
Enfermidade infecciosa da rexión das Montañas Rochosas que se caracteriza por unha hipertermia, erupción de manchas vermellas que poden confluír e síntomas mentais. Débese á rickettsia da especie R. rickettsi, que se transmite pola picadura de carrachos.
-
febre das trincheiras/quintá
Enfermidade infecciosa febril, que se transmite polos piollos, que foi endémica-epidémica nas frontes de combate de ambas as guerras mundiais. OBS: Tamén recibe o nome de enfermidade de Werner-His.
-
febre de Haverhill
Afección epidémica que se observou en 1926 en Haverhill (Massachusetts), caracterizada por febre, ás veces recorrente, poliartrite e eritema papuloso.
-
febre de Malta/melitense/do Mediterráneo
Enfermidade infecciosa, endémica en todo o litoral mediterráneo, que se transmite habitualmente das ovellas ou das cabras ao home por medio do leite, do queixo, da carne ou doutros produtos obtidos destes animais. É unha brucelose causada pola bacteria Brucella melitensis. As características principais son febre de curso irregular e ondulante, malestar xeral, constipación, suores profusas xeneralizadas, cefaleas, dores nos membros e tumefacción do bazo e do fígado.
-
febre de Oroya
Primeira fase da bartonelose, que se caracteriza por febre irregular e anemia moi intensa.
-
febre de verán/do papataci/terciá
Enfermidade infecciosa, de curta duración, endémica en Italia e nos países da antiga Iugoslavia, que se debe a un virus que se transmite pola picadura dun díptero da especie Phlebotonus pappatacii.
-
febre disentérica
Febre perniciosa con accidentes intestinais disentéricos.
-
febre do feo
Febre que afecta aos enfermos, que se presenta anualmente ao aproximarse a primavera ou o verán, cando florecen as plantas herbáceas. Caracterízase por producir unha intensa tumefacción da mucosa nasal, con secreción, conxuntamente con picor, espirros, conxuntivite con fotofobia e edema palpebral. Prodúcese polo pole destas plantas en individuos hipersensibilizados.
-
febre do leite/láctica
Forma atenuada de febre puerperal, que se denomina así porque coincide coa subida do leite na muller despois do parto.
-
febre do leite condensado/do leite en po
Hipertermia que se observa nalgúns nenos alimentados con leite condensado ou con leite en po. A orixe débese á insuficiencia de cantidade de auga que se emprega para diluír os diferentes tipos de leite.
-
febre dos fundidores/dos fumes metálicos
Accesos febrís que se observan nos fundidores de latón que sobreveñen nunhas datas máis ou menos espaciadas. Atribúese á intoxicación por vapores de zinc ou doutros metais, como o chumbo ou o mercurio.
-
febre efémera
Febre curta, que só dura un día ou dous.
-
febre eruptiva
Grupo de enfermidades xerais infecciosas que, nas formas típicas, evolucionan cun exantema peculiar que ofrece trazos propios en cada unha. Son contaxiosas e deixan inmunidade perdurable, como a escarlatina ou o sarampelo.
-
febre fluvial xaponesa
Enfermidade aguda de curso definido e gran mortalidade, propia do Xapón, que se caracteriza pola presenza na pel dunha escara que se produce pola picadura dunha especie de Trombidium, seguida de úlcera, febre, erupción exantemática, bronquite e conxuntivite.
-
febre ganglionar
mononucleose infecciosa.
-
febre hemorraxípara de Omsk
Enfermidade que se debe a un virus ou a unha rickettsia, e que se asocia a un estado tóxico-infeccioso grave cunha erupción fugaz cervicotorácica, con hemorraxias, cunha síndrome álxica e con oligoanuria.
-
febre histérica
Elevacións irregulares da temperatura sen síntomas xerais, que se observan algunhas veces nalgúns pacientes afectados de histeria.
-
febre icterohemoglobinúrica
Febre que aparece nos enfermos palúdicos que manifestan intolerancia á quimioterapia. Sobrevén dunha maneira aguda e é consecuencia dunha hemólise intensa.
-
febre intercorrente
Febre que sobrevén durante o curso doutra enfermidade non febril.
-
febre intermitente
Febre que se caracteriza por accesos separados por intervalos de apirexia periódicos e regulares.
-
febre miliar
Afección que se caracteriza por febre, transpiración intensa e numerosas pápulas que despois dan lugar a pústulas.
-
febre nerviosa
Febre dependente dun trastorno funcional primitivo do sistema nervioso.
-
febre paratifoidea
Enfermidade que se produce polos bacilos paratíficos, cunha sintomatoloxía semellante á da febre tifoide, pero máis atenuada.
-
febre perniciosa
Paludismo con síntomas graves, de curso rápido, que algunhas veces remata coa morte nos primeiros accesos.
-
febre puerperal
Estado febril con fenómenos xerais máis ou menos graves, que van dende unha simple metrite a unha infección purulenta e septicemia. Pódese presentar despois dun parto ou dun aborto como consecuencia dunha infección uterina producida por diversos xermes, especialmente estreptococos.
-
febre Q/de Queensland
Enfermidade febril endémica, descrita por vez primeira en Queensland (Australia), causada pola bacteria Coxiella burnetti, que se caracteriza por pneumonite, náuseas, malestar xeral, artralxias, etc. O contaxio ten efecto por inhalación ou inxestión de substancias que derivan de produtos que proveñen de vacas, cabras e doutros animais.
-
febre recorrente
Enfermidade infecciosa, epidémica e contaxiosa, que se produce por espiroquetas do xénero Borrelia e que se transmite por piollos e chinches. Produce febre moi alta, que remite temporalmente pero que se volve presentar de novo.
-
febre residual
Febre secundaria que permanece despois de curada unha enfermidade infecciosa, sen que exista causa evidente de complicación.
-
febre reumática
Enfermidade que se presenta como complicación inflamatoria non supurativa dunha infección por un estreptococo hemolítico. OBS: Tamén se coñece como reumatismo poliarticular agudo.
-
febre secundaria
Febre que aparece despois dunha crise ou na declinación doutra enfermidade febril.
-
febre tifoide
Enfermidade infecciosa que se debe ao bacilo de Eberth. O axente causal está nas deposicións e transmítese pola auga e os alimentos, e tamén por contaxio directo. Anatómico-patoloxicamente preséntase unha inflamación e unhas ulceracións intestinais, sobre todo nas placas de Peyer e nos folículos pechados dos intestinos. Clinicamente, despois dun período de incubación dunha a tres semanas, iníciase con cefalalxia, astenia e hipertermia lixeira, que vai en aumento. Existe un aumento do tamaño do fígado e do bazo e aparece ás veces a roséola tífica. As complicacións máis correntes son as hemorraxias e as perforacións intestinais. A proba diagnóstica máis importante é o illamento do xerme no sangue mediante un hemocultivo.
-
s
f
-
s
f
Excitación ansiosa provocada por algo.
Ex: Entroulle agora a febre dos negocios.