Federación Católica Agraria
Agrupación de sindicatos agrícolas de inspiración católica que concentraron a súa maior actividade entre 1918 e mediados da década de 1920. Aínda que chegaron a existir sete federacións espalladas por toda Galicia, que englobaban a máis de 400 sindicatos agrarios (aínda que moitos deles tiveron escasa afiliación e vida efémera), contaban cunha maior implantación nas zonas gandeiras da Coruña e Lugo. Reunían asociacións profesionais, con fins técnicos e cooperativos, corporativas, interclasistas, paternalistas, apolíticas (aínda que en realidade tiñan un carácter defensivo e contrarrevolucionario), tradicionalistas e, polo tanto, antiliberais. A súa liña de actuación centrouse na defensa da propiedade campesiña, a divulgación de innovacións técnicas (como fertilizantes, insecticidas ou maquinaria industrial) e a difusión do cooperativismo. En 1930 fundouse a Unión Regional de las Federaciones Católico-Agrarias de Galicia, co fin de racionalizar os cometidos das tres federacións que aínda seguían activas (A Coruña, Lugo e Mondoñedo) e frear o seu declive. Coa ditadura de Primo de Rivera o sindicalismo agrario católico entrou en crise, sobre todo nas zonas onde a gandería era un factor secundario, aínda que se tentou relanzar con proxectos como a construción de matadoiros cooperativos, dos que só viu a luz o do Porriño. Nos anos corenta foron maioritariamente absorbidas polo sistema sindical do réxime franquista.