Federación Local de Grupos Anarquistas de Coruña
Organismo creado en 1932 para coordinar diversos colectivos anarquistas existentes na Coruña. Na súa constitución tivo un papel destacado o militante do cadro do Sindicato de Panaderos, José Moreno Torres. Dous anos máis tarde o agrupamento de varios grupos anarquistas coruñeses afiliados á FAI adoptou idéntica denominación, impulsada agora polo militante do Sindicato de Transportes, Luis Chamorro, e o anarquista de orixe grega Antonio Fournarakis. Desaparecida trala frustrada revolución de Asturias, reorganizouse a mediados de 1935, contando daquela coa axuda do director do periódico Brazo y Cerebro, Idelfonso González. Ao comezo da Guerra Civil, contaba cos grupos Nervio, Espartaco, Ideal, Los Intransigentes, Los Excomulgados, Sin Dios ni Patria e Ni Dios ni Fronteras, que integraban uns corenta militantes.